O Castelo Conta dobra a súa aposta polo humor e a tradición oral
A parroquia cullerdense de Castelo recibirá o 26 de agosto a nove dos mellores cómicos de Galicia nunha actividade inédita, con monólogos itinerantes polas aldeas do lugar, e un exclusivo espectáculo de comedia á noite dirixido por Xosé A. Touriñán.

Marcos Pereiro, Pepo Suevos, Federico Pérez, David Amor, Carmen Méndez, Oswaldo Digón, Evaristo Calvo e Cándido Pazó. Se alguén podía xuntalos a todos nun mesmo lugar e nun mesmo día era Xosé Antonio Touriñán, un veciño de Castelo, a parroquia máis ao sur do concello coruñés de Culleredo.
Un veciño máis ao que desde hai quince anos coñecen en toda Galicia. Hai uns meses publicábase unha enquisa na que Touriñán era o escollido pola maioría dos galegos para ir tomar unhas cañas, unha boa mostra de que a popularidade dun actor non ten que ver só coa capacidade de interpretación ou a calidade do produto televisivo de comedia, se non tamén cun xeito de ser.
E se cadra ese xeito de ser é ten moito que ver co interese e a capacidade para organizar algo como o Castelo Conta. Unha iniciativa inédita (que se saiba) en Galicia: un roteiro duns cinco quilómetros que percorrerá a parroquia de Castelo, que pasará por todas as súas aldeas, para facer paradas en cada unha delas nas que os participantes gozarán das historias de dous dos contadores máis prolíficos de Galicia como Evaristo Calvo e Cándido Pazó. O resto de actores e cómicos camiñarán xunto aos participantes, e se cadra haberá algunha sorpresa…
Xa á noite, unha cea moi especial na polideportiva da parroquia, un recinto único, no medio do monte, cunha impoñente cuberta de madeira baixo a que nestes últimos anos actuaron tamén Carlos Blanco, o propio Touriñán ou os Heredeiros da Crus.
E despois de repoñer forzas, o prato forte: espectáculo de monólogos con algúns dos grandes nomes da comedia en Galicia. Unha ocasión única en máis de dúas horas de humor únicas.
Virán despois os concertos, con Os Tristes (Marcos Pereiro e Federico Pérez) e Los Claretes, para pechar unha noite máxica no Xalo. A noite na que a idea de Touriñán, no pobo no que naceu e vive, permitirá que a comedia do noso país quede no máis alto.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.


