Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay reinterpretan a historia da arte en ‘Coleccionistas’
A Illa de Arousa acollerá o 14 de abril a estrea deste novo espectáculo, no que participa Ainé Producións, que percorrerá máis de dez localidades entre os meses de abril e xuño. Os espectadores asistirán en cada función ás máis orixinais reinterpretacións dalgunhas das obras de arte máis coñecidas.

A historia da arte chega aos teatros. Faino da man de Marcos Pereiro, Oswaldo Digón e Santi Romay, os protagonistas de ‘Coleccionistas’, un novo espectáculo de comedia cargado de sorpresas no que o importante non só acontecerá sobre o escenario.
Os espectadores de cada función converteranse por unha noite en afamados coleccionistas das mellores obras de arte, dispostos a participar nunha gran poxa. Pereiro, Digón e Romay, responsables de tan importante evento, encargaranse de describir con todo luxo de detalles a historia, o anecdotario ou o proceso de creación de cada un dos cadros, cando non a vida do artista.
Comedia e arte mesturaranse nun espectáculo irrepetible que visitará once localidades do país desde o 14 de abril, cando terá lugar a estrea na Illa de Arousa. O resto de vilas e cidades que completarán a xira serán Negreira, Ribadeo, Cee, A Coruña, Ponteareas, Verín, Melide, Lugo, O Carballiño e Vigo.
‘Coleccionistas’ contará ademais coa música en directo do mestre Cristian Leggiero, que acompañará o relato de cada unha das obras seleccionadas polo público.
Oswaldo Digón dirixe este novo espectáculo no que participa Ainé Producións, que terá tamén unha vertente solidaria. E é que o público participará realmente nesa poxa, achegando a súa oferta para levar un dos cadros ao sair do teatro. O importe recadado será destinado a unha entidade social sen ánimo de lucro de cada localidade.
En www.coleccionistas.gal pódese atopar toda a información detallada sobre a venda de entradas para cada unha das funcións.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.


