Se algo non estaba previsto era ter tan claro ao día seguinte que en agosto de 2018 habería un novo Castelo Conta. O éxito de participación e de crítica desta orixinal actividade, promovida por Xosé A. Touriñán e a Comisión de Festas de Castelo coa colaboración de Ainé Producións, Undodez e a asociación Castelo Deporte convértena agora en imprescindible.
O plan estaba claro desde o principio: unha andaina duns seis quilómetros polos seis lugares de Castelo con catro contadas de quince minutos polo medio con Evaristo Calvo e Cándido Pazó. Á noite, cea e monólogos, e despois música para converter en festa o que xa era unha festa.
Non estaba claro -era a primeira vez que se facía algo así- o ambiente, as impresións, as dificultades que nas primeiras veces sempre adoitan aparecer nos momentos máis inoportunos… E resultou que unha conxunción de factores, a saber: bo tempo, sombreiros de palla, megáfonos, camiños, cervexa, auga e froita, humor, mexillóns e polo con pementos, música, luz e xente, moi boa xente, converteron o 26 de agosto de 2017 nun dos días máis especiais que viviu a parroquia cullerdense de Castelo en moito, moito tempo.
Contra as catro e media da tarde na praza, onde está o bar da familia de Xosé Antonio Touriñán, xa non collía ninguén. Longas pero áxiles ringleiras de xente para recoller camisola, sombreiro, plano da ruta e ticket para cear bloqueaban ata a estrada, na que xa se preparaban Os Charangos, encargados de poñer a música na andaina xunto cun moi querido grupo de gaiteiros en Castelo.
Touriñán subía ao cruceiro para dar as primeiras indicacións: polo laranxa de Protessión Sivil, que tamén levaban Pepo Suevos, Marcos Pereiro, Oswaldo, Federico Pérez e Carmen Méndez. E por suposto gorra. Megáfono en man, palabras de agradecemento por estar e participar da idea.
Camiño de Xalo comezaba a andaina, e xa en Xalo agardaba polos camiñantes o bar móbil de Deleite. E como leite non apetecía nesa hora, había cervexa ben fresquiña.
Primeira contada, na casa do Ferrador, a cargo de Evaristo Calvo. Despois o camiño seguía, con destino Castelo de Abaixo. Entre bambalinas, furgóns e coches cargados, e apurando para chegar a tempo e ter todo listo na seguinte contada antes de que chegara a xente.
Parada para repoñer forzas con bandexas de froita. Contada en Castelo de Abaixo con Cándido Pazó, e a seguir a ruta. Charanga e gaiteiros aparecían e desaparecían cando menos contaban os que camiñaban, e cando non soaba a música escoitábanse as voces de Marcos Pereiro, Pepo ou o propio Touriñán cos megáfonos.
Viría despois outra parada, a contada de Vilaverde, e xa por último a de Folgueira. Mentres chegaban á polideportiva de Castelo os primeiros asistentes á festa da noite, que collían sitio diante do escenario.
Cando se incorporaron os da andaina todos cearon: mexillóns da Illa de Arousa, polo á brasa e pementos da Arnoia. De fondo, a marabillosa música da Galifunk Brass.
Comezaba entón un espectáculo de dúas horas con sete artistas sobre o escenario que foi tamén a estrea de Carmen Méndez como monologuista. Ao rematar subiron os membros da Comisión de Festas, que entregaron un mexillón de ferro ao seu veciño máis ilustre.
Fin de festa con Los Claretes, e despois Los Tristes. Cando remataban en Castelo xa era domingo, e xa saía o sol.
O que veu despois foron os comentarios no Facebook, e entre os veciños. No pobo no que tantos anos estivo Panorama decidiran cambiar de plan, e non podían estar máis orgullosos.