Fariña representarase no Teatro Colón da Coruña durante unha semana en novembro
O espectáculo volve a Galicia logo de esgotar as localidades cada día en Madrid durante un mes. Será xusto na semana na que se cumprirá un ano da estrea no teatro coruñés. As entradas sairán á venda nos próximos días.

A adaptación teatral de Fariña volve ao lugar no que todo comezou. O Teatro Colón da Coruña acollerá durante seis días -do 17 ao 22 de novembro- representacións do espectáculo dirixido por Tito Asorey, baseado na obra de Nacho Carretero sobre o narcotráfico en Galicia.
Xosé A. Touriñán, Marcos Pereiro, María Vázquez, Cris Iglesias e Sergio Zearreta subirán de novo ás táboas do teatro coruñés logo dun ano marcado pola crise sanitaria no que, sen embargo, foron quen de chegar a case 30.000 espectadores.
Fariña volve á Coruña logo dun rotundo éxito nas Naves del Español, en Madrid, onde durante un mes de funcións, e aínda con restricións á mobilidade, colgouse o cartel de ‘non hai entradas’ case todos os días.
Para as representacións no Teatro Colón as entradas sairán á venda nos próximos días. Respectaranse as limitacións de aforo previstas, así como os protocolos previstos polo Concello da Coruña para o espazo.
A promoción da #CulturaSegura por parte da produción e o elenco do espectáculo, unha das bandeiras de Fariña durante o mes en Madrid, trasládase agora a Galicia, onde a peza se representará tamén noutra cidade que se anunciará nas próximas horas.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.


