Espectaculares datos de audiencia na despedida de Verbenalia
O programa presentado por Rodrigo Vázquez despediuse este venres cun 15,3% de share. Un sensacional dato de audiencia que consolida o éxito dun formato que acompañou aos espectadores da Televisión de Galicia durante seis semanas, na habitual parada de Luar para as vacacións de verán.

Galicia quere festa no verán, e a Televisión de Galicia o ten claro. A aposta por Verbenalia para o prime-time dos venres resultou ser todo un éxito, rexistrando audiencias moi por enriba da media da canle pública autonómica, con datos do 16,1 e o 15,3% de share nos dous últimos programas.
Verbenalia gravouse o pasado mes de abril no plató de Tex45 Producións (a produtora do programa, en colaboración de Ainé e Suído Producións) na localidade coruñesa de Ordes, reunindo a un sensacional elenco de colaboradores que foi quen de chegar ao público en seis semanas de festa por todo o alto.
Dirixido por Suso Iglesias e Teo Manuel Abad, o programa foi conducido por Rodrigo Vázquez, coa axuda de Patricia Santana, Eva Iglesias e Manuel DeAndrade. Os Tristes (o particular dúo formado por Marcos Pereiro e Federico Pérez) achegaron a nota de humor, e unha amplísima nómina de artistas e orquestras completaron os carteis de seis verbenas coas que gozaron decenas de milleiros de espectadores a través da pequena pantalla.
No currículo de Ainé
Logo de Buscando Ardebullo (Osdous Ardebullo, 2015), Verbenalia é o segundo proxecto televisivo de Ainé, no que o seu equipo realizou todas as tarefas de produción nun programa no que traballaron máis de trescentos profesionais.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.
‘Amoriños’ chega a Cee e Vigo con cheos absolutos e suma novas funcións en Pontevedra e A Coruña
A xira de ‘Amoriños’, continúa esta fin de semana en Cee e Vigo, con case todas as entradas esgotadas. O espectáculo amplía ademais o seu percorrido con novas datas en Pontevedra e unha quinta función no peche da Coruña.
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’, unha das grandes apostas do EMHU 2026
O humorista participa no espectáculo colectivo xunto a outros grandes nomes da comedia estatal, unha estrea absoluta no marco do encontro que xa colgou o cartel de entradas esgotadas para as súas dúas funcións en Palexco.


