Actor, presentador, produtor e director, Touriñán conta con máis de 20 de anos de experiencia no audiovisual e no teatro.
O seus inicios no mundo da actuación remóntanse a 2002 con “Os dous de sempre”, dúo cómico formado xunto a Marcos Pereiro. En 2005 comeza a súa carreira na TVG, onde coas “Cantareiras de Ardebullo” no programa Luar consegue grande éxito de público. Desde entón, Touriñán convértese nun dos humoristas más recoñecidos de Galicia, protagonizando diversas series e programas de televisión.
Destaca a súa faceta sobre os escenarios, representando monólogos e obras de teatro. Colleita un enorme éxito xunto a Carlos Blanco con Somos Criminais (2018 – 2025) e cos espectáculos teatrais Fariña (2019), Recortes, caneos e outras formas de driblar (2022) e Corentena (2023), esta última xunto a David Perdomo. No ano 2022 debuta na dirección cinematográfica coa curtametraxe Nena, un proxecto que reune máis de 50 seleccións en festivais. No 2024 pon o peche ao proxecto Somos Criminais coa súa última entrega: Somos Criminais e punto final, que conseguiu reunir a máis de 100.000 espectadores desde a súa estrea.
Actualmente, está en activo coa nova proposta Amoriños, de novo compartindo táboas con Perdomo. Este espectáculo trata o tema máis universal e, á vez, o máis perigoso de todos: o amor. Tamén continúa Aquí Tou!, o seu monólogo máis persoal, que rematou por consolidarse como unha proposta sólida no panorama do humor galego polo vínculo que consegue crear co público xira tras xira.