Carlos Blanco e Touriñán preparan a segunda xira de ‘Unha noite na praia’, de Javier Veiga

Percorrerán entre marzo e xuño ao menos nove localidades de toda Galicia na segunda xira dun espectáculo que na súa primeira xira, a pasada primavera, tivo unha sensacional acollida no público, que encheu os teatros con ata dobres e triples funcións.

Foto: mmweb.es

Carlos Blanco e Touriñán volven á praia. Case un ano despois dunha exitosa primeira xira con máis de 20.000 espectadores nos teatros de toda Galicia, o espectáculo escrito e dirixido por Javier Veiga ten novas datas coas entrada xa á venda.

As citas serán na Coruña (Teatro Colón, 13 ao 15 de marzo), Narón (4 de abril), Vigo (17 e 18 de abril), Lugo (15 e 16 de maio), Santiago (23 e 24 de maio), Cangas (29 e 30 de maio), Ourense (6 e 7 de xuño), Vilagarcía (12 e 13 de xuño) e Pontevedra (19 e 29 de xuño).

A información sobre horarios e venda de entradas está xa dispoñible en www.unhanoitenapraia.gal, así como nas redes sociais de Ainé Producións, que coproduce o espectáculo con Undodez, Condetrespés e Medio Limón.

Unha conversa entre Manu e Klauss baixo a luz da lúa

Unha noite na praia é unha comedia de dous personaxes. Dous tipos moi distintos que coinciden ao solpor nunha praia fronte ao mar. Klaus e Manuel, un sueco e un galego, que se parecen o mesmo que o restaurante do Ikea a un furancho da aldea.

Manu é o empregado dun chiringuito nunha praia galega que unha noite recibe a visita de Klaus, un sueco teimudo que se nega a marchar. Un deles quere pechar e marchar para a súa casa, o outro quere quedar deitado nunha das hamacas para curar un mal de amores. Desta premisa parte unha comedia intelixente que vai revelando pouco a pouco o pasado doloroso dos personaxes, as súas ilusións, as súas frustracións, e a verdadeira relación que existe entre eles, onde polo menos un dos dous non é quen di ser e a súa presencia alí non é unha casualidade. A obra constitúe un retrato con moito humor da realidade do pais e a intricada relación que temos cos nosos turistas.

Foto: mmweb.es

Touriñán e Carlos Blanco suman tres anos xuntos nos teatros

Desde que no 2018 bateran todos os records, convertendo Somos Criminais no espectáculo coa maior recadación da historia do teatro galego, Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco suman decenas de funcións xuntos sobre os escenarios. Unha química que viña de tempo atrás, que se confirmou na gravación da serie Fariña, e que deu nunha das combinacións máis exitosas no panorama teatral do noso país.

Unha comedia que chegou a México

Os textos de Javier Veiga non teñen fronteiras. Alfonso Dosal e Odiseo Bichir deron vida no ano 2015 a Manu e Klauss en México á adaptación da obra do autor galego dirixida naquela ocasión por Alejandro Ricaño, e que obtivo o ‘Premio á mellor comedia do ano’ concecido pola Asociación da Prensa Mexicana.

O interese que o público de latinoamérica amosa polo traballo de Veiga e máis que evidente: o seu último traballo na ficción televisiva, a comedia romántica Pequeñas Coincidencias, chegará aos Estados Unidos a través de NBC, que encargou a adaptación da serie protagonizada polo propio Veiga e Marta Hazas, e que en España é posible ver en Amazon Prime Vídeo.

Artigo anterior
Vilalba e Noia súmanse á xira de Fariña
Artigo seguinte
A Coruña acolle este sábado a gala dos Premios Mestre Mateo

NOTICIAS RELACIONADAS

Somos Criminais e punto final

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán poñen o punto final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego cun novo espectáculo de ‘Somos Criminais’.

Portada » Caderno » Carlos Blanco e Touriñán preparan a segunda xira de ‘Unha noite na praia’, de Javier Veiga