Carlos Blanco e Touriñán alongan o verán na praia
Unha noite na praia, o espectáculo dirixido e escrito por Javier Veiga que nos últimos meses encheu boa parte dos grandes teatros de Galicia, prepara as últimas funcións desta temporada para o mes de setembro.

Carlos Blanco e Touriñán resístense a que o verán remate. Burela, Vigo, Vilagarcía e Narón serán as últimas localidades que acollerán funcións de Unha noite na praia esta temporada. Será desde finais de agosto e ata a primeira fin de semana de outubro. Logo de reunir a milleiros de persoas nos teatros e auditorios das principais cidades galegas desde a pasada primavera, a peza escrita e dirixida por Javier Veiga segue a sumar espectadores, con sensacionais referencias de crítica, e a psicose xa habitual á hora de facerse coas entradas cando Blanco e Touriñán pisan as táboas.
Burela será a primeira das datas desta segunda parte da xira, os días 30 e 31 de agosto. O 6 de setembro terá lugar unha única función no Teatro Afundación de Vigo, á que asistirán os espectadores que no pasado mes de xuño quedaron sen ver o espectáculo por unha afonía de Carlos Blanco. Xa os días 13 e 14 de setembro Unha noite na praia chegará a Narón, para despedir a temporada a primeira fin de semana de outubro en Vilagarcía.
En www.unhanoitenapraia.gal poden consultarse todas as datas, horarios e venda de entradas para estas funcións-
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.


