A Coruña acolle a programación do Noroestiño, a proposta familiar do 39º Festival Noroeste Estrella Galicia
Pablo Díaz, María Faltri, Magín Blanco, Bibopalula, Lydia Botana e Mamá Cabra serán os protagonistas dunha programación deseñada para achegar a música en directo e as artes escénicas ás novas xeracións.
O Noroestiño, a sección de programación para público familiar do 39º Festival Noroeste Estrella Galicia, levará durante cinco días aos Xardíns de Méndez Núñez propostas musicais e de artes escénicas pensadas para compartir en familia e achegar as crianzas á experiencia do directo.
O Noroestiño naceu hai dous anos como unha nova dimensión dentro do Festival Noroeste Estrella Galicia, ampliando a súa programación máis alá da música e incorporando propostas escénicas dirixidas aos públicos máis novos. Desde entón, o proxecto busca contribuír á creación de novos públicos e facilitar que nenas e nenos teñan tamén un primeiro contacto coa música en directo, coa escena e coa cultura desde o xogo, e a participación. Nesta terceira edición, a programación estenderase do mércores 5 ao domingo 9 de agosto con sete propostas diferentes.
O encargado de abrir o Noroestiño será Pablo Díaz, o mércores 5 de agosto. A súa proposta convida a viaxar a través dos contos coa música de frautas, guitarra e harmónica como fío condutor. Un espectáculo no que a fantasía e a ilusión se mesturan con cancións, melodías e retrousos nos que o público tamén terá un papel activo.
O xoves 6, María Faltri tomará os Xardíns de Méndez Núñez cunha sesión de picadiscos infantil pensada como unha gran festa participativa. A música galega de onte e de hoxe combinarase con xogos rítmicos, instrumentos, disfraces e dinámicas de grupo para transformar o espazo nunha pista de baile na que as crianzas serán as verdadeiras protagonistas.
A programación continuará o venres 7 coa proposta de Magín Blanco, que estará acompañado polo músico Pablo Vidal. O espectáculo achégase ao proceso creativo das cancións desde o xogo e a participación, convidando as crianzas a descubrir como se constrúen as melodías, as harmonías e as rimas que forman parte da música.
O sábado 8 chegará unha das propostas máis vinculadas ao universo infantil creado en Galicia. Bibopalula · O concerto levará aos Xardíns de Méndez Núñez as cancións da primeira serie musical de debuxos en galego. A Banda do Bosque chega aos escenarios cunha banda en directo e coa voz de Isabel Garrido, acompañada por Robin, Carpin, Pegui e Merli, despois de percorrer diferentes teatros galegos co seu espectáculo.
A programación da tarde do sábado estará protagonizada por Lydia Botana, multiinstrumentista e creadora cunha proposta marcada pola viaxe, a mestura de culturas e a diversidade lingüística. O seu espectáculo infantil combina música, cancións e participación para compartir co público as experiencias e aprendizaxes acumuladas ao longo dos seus percorridos por diferentes lugares do mundo.
O Noroestiño pechará esta edición o domingo 9 de agosto con Mamá Cabra e Ondamini, unha proposta participativa que transforma o público miúdo nun auténtico elenco musical. O espectáculo propón un particular casting no que se buscan músicos e músicas con enerxía, ritmo e moitas ganas de facer a cabra, a través de cancións para cantar, bailar e xogar.
Con esta programación, o Noroestiño incorpora un ano máis as artes escénicas ao Festival Noroeste Estrella Galicia e reforza a súa vontade de construír un festival tamén pensado para as novas xeracións. Cinco días de música, teatro, xogos e participación nos Xardíns de Méndez Núñez para vivir a cultura en directo desde a infancia e en compañía.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



