Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán volven xuntos aos teatros con ‘Agora en serio’
Os actores cullerdenses estrearán no mes de maio un novo espectáculo teatral. Trátase dunha peza inédita dirixida por Evaristo Calvo e escrita por Manolo Cortés, que condensa dun xeito moi particular a traxectoria de Os Dous de Sempre nos últimos quince anos. O Teatro – Coliseo Noela de Noia acollerá a estrea o próximo venres 5 de maio.

Coñecéronse no colexio de Tarrío, en Culleredo. Fixeron teatro xuntos desde pequenos, e mesmo compartiron outras afeccións coma o balonmán. Colleron por costume ir a Luar cada venres, montaron un local de espectáculos en Carral, e ata unha produtora, desde a que explotaron non só o seu talento como actores, senón tamén como creadores.
É (moi sintetizada) a historia de Os Dous de Sempre. Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán. O 17 de maio cúmprense quince anos da súa primeira actuación xuntos, un aniversario moi especial que celebrarán facendo o que mellor saben facer: comedia.
Agora en serio é o título do seu novo espectáculo no que terá cabida todo ou case todo. Dirixido por Evaristo Calvo e escrito por Manolo Cortés, percorrerá entre maio e xuño os escenarios de nove localidades de Galicia nas que o público atopará moito do que coñece dos cómicos, pero tamén moitas sorpresas. Unha cara de Pereiro e Touriñán menos coñecida pero igual de divertida.
Noia abrirá o venres 5 de maio unha xira que levará a Os Dous de Sempre a Lugo (7 de maio), O Carballiño (12 de maio), Cangas (13 de maio), Pontevedra (19 de maio), Compostela (27 de maio), Vigo (2 de xuño), Vilagarcía (9 de xuño) e A Coruña (10 de xuño).
Toda a información sobre horarios, espazos e prezos está xa dispoñible en agoraenserio.gal, desde onde é posible acceder aos portais de venda de entradas para cada unha das funcións.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.


