Unha estrea de sesión triple
‘Amigos ata a morte’, a versión en galego da comedia teatral de Javier Veiga, con Xosé A. Touriñán, Ledicia Sola e David Amor, conquistou ao público de Noia, que colapsou a taquilla do Coliseo Noela ata en tres ocasións.

Sen venda anticipada de entradas todo na preestrea de ‘Amigos ata a morte’ en Noia era unha incógnita, e ante a incógnita todo éxito sabe mellor. Anunciouse o sábado ao mediodía que esa mesma tarde abrirían as taquillas do Coliseo Noela a través das redes sociais da distribuidora e dos artistas, e desde as seis sucedéronse as colas. O domingo pola mañá anunciouse unha segunda función para as dez e cuarto da noite, e antes de comezar a das oito da tarde xa estaba programada outra para o día seguinte ao mediodía.
É o relato do primeiro día nunha andaina, a da versión en galego do texto de Javier Veiga, que non podía comezar mellor. Dentro do teatro o público riu e aplaudiu o que quixo e aínda máis. Un Xosé A. Touriñán sensacional confirmou estar feito tamén para o teatro, e nun titánico esforzo físico baixo a calor dos focos durante case dúas horas provocou as máis sonoras gargalladas.
Ledicia Sola, no papel de María, e David Amor interpretando a Nacho, non quedaron atrás, e cunha fantástica interpretación permitiron que ao remate da función os espectadores debatiran animados sobre o seu favorito de entre os tres Amigos.
O telón non fixo máis que abrirse: desde o xoves, Pontevedra, Vigo, Compostela, A Coruña e Ferrol nunha xira que, se remata como comezou esta fin de semana, quedará gravada e ben gravada no currículo dos seus protagonistas.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.


