Federico Pérez e Pepo Suevos, de xira con ‘A culpa é do sistema’
O público marcará desde as súas butacas os temas a tratar polos cómicos sobre o escenario, provocando improvisadas críticas sobre os últimos acontecementos da actualidade. Percorrerán varias localidades galegas, comezando o próximo 22 de abril en Ponteareas.

Crear un espectáculo desde a nada non é fácil. Sobre todo se pretendes impactar aos espectadores, porque nisto do teatro… está case todo inventado. Pero cando se xuntan dous cerebros hiperactivos como os de Federico Pérez e Pepo Suevos, pode pasar de todo. O obxectivo concreto destes dous elementos era concebir unha peza que fixese escachar ao público coa risa, pero tamén a eles mesmos. E para iso, non se lles ocorreu nada mellor que facer do público o principal protagonista do espectáculo, como creativo, ademáis de como destinatario. Os asistentes á función poderán escoller entre varias opcións cada vez que se plantexe unha nova situación sobre o escenario, e os atrevidos actores terán que adaptar os contidos da obra á demanda do respectable.
Arriscado? Pode ser. Divertido? Moitísimo. Diferente? Tamén, pero hai que reinventarse ou acabas morrendo. E claro, tratándose dunha proposta na que a inmediatez é fundamental, pois a temática non pode ser outra que a actualidade. A vida política, o día a día dunha escola ou as horas mortas dos xubilados. Todo. Así, calquera acontecemento relevante que tivera lugar nas horas previas á función, pode xa ser tratado e integrado de xeito automático nun espectáculo cómico.
Federico Pérez e Pepo Suevos percorrerán os teatros e auditorios de ata oito localidades durante as próximas semanas, visitando Ponteareas o 22 de abril, onde no Auditorio Reveriano Soutullo comezarán a xira desta primavera. A segunda cita será en Ortigueira, no Teatro da Beneficencia, o 28 de abril, para rematar o mes dous días despois, o domingo 30, en Negreira. Xa no mes de maio, visitarán Cee (o día 12), o Ágora da Coruña (o 16) e Cambados (o sábado 19). Rematarán a xira o 2 de xuño na Illa de Arousa, e o 16 do mesmo mes no Carballiño. Todas as entradas estarán dispoñibles nas próximas horas na web do espectáculo, www.aculpaédosistema.gal, e nas canles habituais de Ataquilla.
A pregunta do millón é se había necesidade de algo así… Pois suposto, pero a culpa é do sistema.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.


