Mucha e Nucha comezan o ano en Melide
Rematadas as vacacións do Nadal, as Fillas da Conexa volven aos escenarios. Melide acollerá o vindeiro 7 de xaneiro a primeira cita do ano co dúo cómico formado por Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro.

Quince anos son xa os que levan Os Dous de Sempre, a parella formada polos actores cullerdenses Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, representando ás Cantareiras de Ardebullo por toda Galicia, unha parte imprescindible da historia do humor do noso país.
O universo de Ardebullo, coa Conexa (a súa nai, e outras tantas fillas), o Padre Nicanor ou Pepe de Rumbo como protagonistas, teñen feito rir a moita xente durante a última década, e a que lles queda durante 2017.
Durante o Nadal, Pereiro e Touriñán acompañaron aos espectadores da Televisión de Galicia con outro dos seus proxectos, Nós, un programa especial na canle autonómica centrado nas tres grandes festas destas datas: Noiteboa, Noitevella e Reis. En cada un deles achegaron a orixe e os costumes da festa que celebraban, conducindo ao espectador por diferentes momentos da historia.
Mucha e Nucha volven agora ao humor en directo, este sábado, na Casa da Cultura de Melide, cunha función prevista ás 21.00 horas. As entradas, a un prezo de 10 euros, están xa dispoñibles a través de Entradas ABANCA para adquirílas de maneira anticipada ou na propia taquilla ata completar o aforo.
NOTICIAS RELACIONADAS
O monólogo de Touriñán volve a Madrid e Barcelona este mes de outubro
O espectáculo regresará ao Teatro Arlequín o 9 de outubro e chegará ao Teatro Borràs de Barcelona ao día seguinte. A xira continuará nos próximos meses con novas citas en diferentes cidades do Estado.
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.


