‘A Lacena Pequena’ remata en Boqueixón o seu primeiro percorrido

Tras pasar por Vedra, A Rúa, Triacastela e Portas, o espazo cultural móbil instalarase este sábado na carballeira do campo da festa de Lestedo, en Boqueixón, para despedir unha ruta que puxo o foco nas persoas, as iniciativas e as expresións culturais de cada lugar.

Cartaz da programación: A Lacena Pequena en Boqueixón

A Lacena Pequena pechará este sábado 31 de outubro en Boqueixón o primeiro percorrido do seu proxecto cultural itinerante. A carballeira do campo da festa de Lestedo será o escenario dunha última xornada que se prolongará durante toda a tarde e que reunirá gastronomía, memoria, patrimonio e música arredor das persoas e das iniciativas da contorna.

A actividade comezará ás 16.00 h coa apertura da Lacena. Media hora despois, o cociñeiro Alex, de A Riala, conducirá o obradoiro gastronómico Cociña de alacena, unha proposta que abrirá a programación poñendo a atención nos produtos e nos saberes culinarios. A cociña servirá así como punto de partida para unha tarde na que a relación co territorio e a súa identidade volverán ocupar un lugar central.

Ás 18.30 h, a programación desprazarase cara á memoria e ao patrimonio local cunha conversa na que participarán Xosé Manuel Lobato e Víctor García Piñeiro. O encontro permitirá achegarse á riqueza patrimonial de Boqueixón e ás historias vinculadas á súa contorna. A continuación, ás 19.00 h, proxectarase o documental Pico Sacro. Monte de mitos e lendas, dedicado a un dos lugares máis recoñecibles da paisaxe e do imaxinario cultural galego.

A partir das 19.30 h, a xornada combinará gastronomía e música. A degustación de filloas e produtos locais permitirá compartir sabores vinculados á tradición, mentres a Asociación Mestre Manuel Gacio ofrecerá unha actuación que dará paso á recta final da programación. Ás 20.00 h chegará a quenda de Ukestra do Medio, antes de que a sesión musical de MØU DJ peche a noite.

Unha lacena diferente en cada territorio

A Lacena Pequena nace da transformación dun contedor marítimo reciclado e acondicionado como espazo cultural móbil. Impulsado por Ainé e E-ló? D Arquitectura, coa colaboración da Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo, o proxecto parte do obxectivo de facilitar o acceso á cultura en pequenos núcleos de poboación e crear espazos de encontro entre a creación artística, a comunidade e as iniciativas locais.

Ao longo deste primeiro percorrido, que comezou hai xa máis dun mes en Vedra, a Lacena abriu espazo á memoria colectiva, aos oficios artesanais, aos coidados, á creación artística, á música tradicional e aos produtos de proximidade. Unha maneira de dar visibilidade aos coñecementos e ás persoas que forman parte da vida cultural das localidades, ao tempo que se favorece o intercambio e a participación da veciñanza.

A xornada de Boqueixón recolle ese espírito e pon o punto final a esta experiencia itinerante, unha última apertura antes de que A Lacena Pequena peche as portas desta primeira ruta, tras percorrer cinco concellos e explorar distintas formas de conectar cultura e territorio.

Toda a información sobre o proxecto está dispoñible en alacenapequena.gal.

Entrada anterior
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘A Lacena Pequena’ remata en Boqueixón o seu primeiro percorrido
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.