Touriñán enche por dúas ocasións en As Pontes co Monólogo do Imbécil
O actor e humorista cullerdense interpreta nesta obra de José Luis Prieto a Santi, a quen todo lle sae mal. O espectáculo, producido pola compañía emedous, visitará outras cinco localidades galegas ata o próximo mes de xaneiro.

O tirón dos espectáculos de Xosé A. Touriñán segue a ser incuestionable. O Concello de As Pontes tivo onte que xestionar unha función adicional do Monólogo do Imbécil polas longas ringleiras de persoas que se formaron para conseguir entradas para o espectáculo teatral, que se representou este martes no Cine Alovi. Ás poucas horas colgábase o cartel de ‘entradas esgotadas’ tamén para a segunda función.
O acontecido en As Pontes ven a consolidar o incontestable éxito que están a ter os espectáculos nos que Touriñán participa: tamén con Curtis e Teixeiro (xunto con Federico Pérez) e con Manolo Lojo (o seu monólogo en solitario) foi quen de encher nas funcións programadas nas últimas semanas.
Co Monólogo do Imbécil, Touriñán visitará Boiro, A Coruña, Vimianzo, Vigo e Vilagarcía ata que, a finais do próximo mes de xaneiro, peche a xira que o ten levado por máis de dez localidades do país.
As próximas oportunidades para gozar co humor de Touriñán en directo serán, non obstante, co espectáculo Curtis e Teixeiro, que representará este venres en Vimianzo, o sábado en Compostela, o venres 11 de novembro en Vilagarcía de Arousa, e o sábado 12 en Burela. Toda a información sobre puntos de venda pódese consultar na web www.curtiseteixeiro.gal
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.


