Temos nova oferta de emprego: ampliamos equipo na área de administración e xestión
Queremos sumar talento no control financeiro e na xestión contable, fiscal e laboral dos nosos proxectos no sector cultural e artístico. Abrimos as candidaturas ata finais de setembro, coa incorporación prevista para mediados do mes de outubro.
Comezamos o curso con moitos proxectos por diante e meses para seguir medrando no mapa da industria cultural en Galicia. Durante este ano non só consolidamos as liñas de negocio de Ainé en artes escénicas e de Undodez en audiovisual: tamén abrimos outras no ámbito dos servizos e os equipamentos para o sector cultural, do entretemento e dos eventos.
E é por isto que precisamos máis mans para traballar coa mesma filosofía e os mesmos compromisos: en Galicia, en galego, para públicos amplos, innovando, e procurando desfrutar co que facemos. Nesta ocasión, na área de administración e xestión, en tarefas de contabilidade, control financeiro, fiscal, laboral, na xestión de procedementos administrativos e de axudas, no control e seguimento de orzamentos.
Coma sempre nas nosas ofertas de traballo, non é necesaria a experiencia. Máis importante é o interese e a actitude para facer as cousas ben: con coidado, con rigor, con compromiso. Valoramos sempre, pero máis para un posto de este tipo, a orde, a organización e a atención. Fixarse para non cometer erros.
O que atoparás aquí se queres unirte é un equipo de xente nova, e unhas condicións transparentes: traballo presencial cunha xornada de 38 horas semanais, con xornada partida pero con dúas tardes libres durante o curso, e intensiva no verán. Na parte económica, o que estableza o convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia para o grupo III (no 2025 e pendente de actualización, ao redor de 23.000 € brutos anuais).
A oferta permanecerá aberta a través da nosa web ata o 30 de setembro, e nos primeiros días de outubro abriremos un periodo dunha semana para a realización de entrevistas, coa intención de que a incorporación sexa a mediados de mes.
Como presentar unha candidatura?
Exclusivamente a través do formulario que atoparás na sección Emprego da nosa web, ou ao final deste mesmo artigo. Non admitiremos candidaturas por correo electrónico para esta oferta. No formulario, ademais dos datos de contacto, e de poder adxuntar un currículo (non é obrigatorio), precisamos un texto breve no que nos contes por que razóns pensas que podes encaixar no posto. Fálanos da túa experiencia, dos teus coñecementos, de como es traballando, e de cales son as túas motivacións. Con isto será suficiente para esta fase.
Se tes algunha dúbida podes escribirnos a equipo@aine.gal e resolvémola!
