Mucha e Nucha actuarán o 24 de setembro en Arzúa
Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro pecharán a xira deste verán das Cantareiras de Ardebullo na parroquia de Oíns (Arzúa), que celebra as súas festas na honra de San Cosme a penúltima fin de semana deste mes. As Fillas da Conexa subirán ao escenario no descanso da verbena, pasada a medianoite.

A última oportunidade para gozar co espectáculo de Mucha e Nucha xa ten data. O 24 de setembro de madrugada, na parroquia de Oíns (Arzúa), as Cantareiras de Ardebullo subirán por última vez nesta temporada ao escenario para facer rir ao seu incondicional público con algunha das súas historias.
Será a segunda vez que as Fillas da Conexa actúen neste parroquia arzuana (estiveron xa no ano 2009). Oíns será a última parada da ruta de Touriñán e Marcos Pereiro este verán por diferentes aldeas do país.
O humor de Mucha e Nucha segue a estar plenamente vixente: logo de conquistar a media Galicia desde o Luar da Televisión de Galicia hai xa varios anos, estas dúas irmás forman parte da historia recente da comedia no país, con case 50.000 seguidores nas redes sociais.
As Cantareiras cumpren, precisamente o próximo ano, 15 anos nos escenarios, fito para o que xa preparan actuacións especiais que permitirán aos seus fans revivir algúns dos mellores momentos en todos estes anos de humor e sorrisos da man das irmás máis queridas en Galicia.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Territorio Regueifa’ continúa o percorrido fóra de Galicia con dúas funcións en Asturias
O espectáculo chegará a Xixón e Vegadeo os días 27 e 28 de novembro, respectivamente, nunha nova parada da xira que está levando a improvisación oral galega a outros territorios.
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.


