Estreamos ‘Entre Táboas’, a nosa revista mensual por correo electrónico
Xosé A. Touriñán e David Perdomo son os protagonistas da edición de outubro, cunha entrevista en profundidade.
Máis de seis mil seguidores do traballo que facemos en Ainé teñen desde esta semana un novo lugar de encontro cos nosos espectáculos e artistas. ‘Entre Táboas’ lanza hoxe o seu primeiro número, con contidos de interese pensados polo equipo da revista Táboas, que editamos desde hai dous anos.
A primeira edición deste boletín mensual, previsto para o último venres de cada mes, recolle unha entrevista en profundidade do xornalista Borja Casal a Xosé A. Touriñán e David Perdomo, onde repasan o éxito de Corentena, o seu último espectáculo, e falan da experiencia coa que durante a pandemia xuntaban cada noite a máis de 20.000 espectadores a través de Instagram.
‘Entre Táboas’ repasa tamén a biografía de Vadim Yukhnevich, na entrevista en vídeo ‘Un lugués do leste’. Un paseo polo centro de Lugo da man de Marta Otero Mayán, coa realización de Jairo Iglesias e as fotografías de Aigi Boga.
Tamén estrea unha crónica de Amara Fontao sobre a última edición do Castelo Conta, o festival que cada mes de agosto enche a pequena parroquia de Culleredo de actividade cultural ao redor da tradición oral, o rural e a comedia.
Recomendacións e actualidade
Cada número da revista contará tamén cun apartado no que o equipo de Táboas recompilará cuestións de actualidade sobre a actividade escénica en Galicia, e ofrecerá algunhas recomendacións para o seguinte mes.
No pé das páxinas tanto de Ainé como de Táboas é posible subscribirse ao boletín para recibilo de forma mensual.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.



