Próximas datas para o “Monólogo do Imbécil”
O “Monólogo do imbécil”, o novo espectáculo de contacontos escrito e dirixido por José Prieto e protagonizado por Xosé Antonio Touriñán, chega esta semana a Vigo e Cedeira.

O texto, gañador do Premio Max de Teatro 2003 ao mellor texto en lingua galega, trata sobre Santi, alguén a quen todo lle sae mal…
Que fago eu aquí… como un imbécil? Esa é a pregunta que se fai o protagonista, quen procura comportarse coma os demais: ten ilusión por ir á escola, coma todo o mundo; por ter un traballo, coma todo o mundo e por casar cunha rapaza, coma todo o mundo. Pero sempre pasa algo que acaba deixándolle cara de parvo. É certo que ten unha tendencia a estar sempre nas nubes. E, ás veces, queda parvo mirando a ningures… así que un día decide mirar atrás na súa biografía para buscarlle sentido ás cousas e, para isto, remóntase ao momento mesmo da súa concepción e, aínda máis, a cando só existían un espermatozoide algo parvo e un óvulo despistado! Así, comeza a fialo todo desde o principio ata o preciso momento en que llo conta ao público.
Todoterreo do audiovisual galego
O actor culleredense é actualmente unha das caras máis coñecidas da televisión galega, co seu papel semanal no Land Rober. O humor en directo é o seu, e sobre o escenario Touriñán tamén se converte en Manolo Lojo, un dos seus monólogos máis solicitados. Ademais, en 2015, estrea xunto a Federico Pérez o espectáculo cómico ‘Curtis & Teixeiro’, e interpreta un dos personaxes protagonistas da comedia teatral de Javier Veiga ‘Amigos ata a morte’, compartindo elenco con Ledicia Sola e David Amor.
Próximas datas
Se estades interesados en ver o “Monólogo do Imbécil”, as próximas datas son este venres 6 en Vigo, e o sábado 8 en Cedeira. As entradas custan 3 euros e xa están á venda en Ataquilla e nos puntos de venda habituais.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ chega ao Noroeste Estrella Galicia cunha edición especial en Santa Margarida
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo formará parte da programación da 39 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia cunha función especial o 9 de agosto.
Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco da terceira e última tempada de ‘Clanes’
A serie de Netflix producida por Vaca Films despídese cunha última entrega que volve reunir a Clara Lago e Tamar Novas como protagonistas, xunto a un amplo elenco do que forma parte Xosé A. Touriñán. A tempada final pecha a historia deste universo do narcotráfico en Cambados.
Máis improvisación oral para despois do verán: ‘Territorio Regueifa’ suma tres novas funcións
O espectáculo regresará aos escenarios en outubro e novembro con tres novas funcións xa confirmadas. Entre elas destaca a primeira representación fóra de Galicia, que terá lugar en Barakaldo.


