Federico Pérez inicia un novo proxecto teatral en ‘A Leituga’

Que facer cos nosos pais cando se achegan á morte. Unha pregunta que para todos chegará, e que este novo espectáculo teatral, dirixido por Victor Duplá, aborda en clave de humor. A estrea terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 6 de abril.

A andaina de Federico Pérez sobre as taboas suma a partir desta primavera un novo proxecto. É A Leituga, un espectáculo teatral no que compartirá elenco con María Vázquez, Antonio Durán Morris, Xosé Barato e Mercedes Castro.

Cinco familiares, tres irmáns e as parellas de dous deles, reúnense na casa da irmá maior para celebrar o aniversario do pai, que se atopa en estado de coma dende hai nove anos. O que de primeiras semella unha sinxela celebración, convértese nunha encarnizada poxa por ver quen se responsabiliza dos coidados do pai.

“A Leituga” aborda en clave de humor un conflito familiar polo que todos pasamos ou pasaremos nalgún momento nas nosas vidas. Que facer cos nosos pais cando se achegan á morte… A través destes cinco personaxes cos seus puntos de vista e as súas diferentes realidades, viaxaremos polos vínculos, lealdades e deslealdades da familia, as parellas, os irmáns, os pais e os fillos. Os asuntos non resoltos, as contas pendentes. O sacrificio e a culpa. O odio e o rancor. A moral e a ética. A esperanza e a aceptación. Os medos, as miserias, a procura da felicidade.

Logo de participar en exitosos proxectos como Curtis & Teixeiro ou Get Back, Federico Pérez percorrerá de novo algúns dos grandes teatros do país con A Leituga, unha comedia dramática de César Sierra que conta xa cunha chea de funcións previstas.

Artigo anterior
Xosé A. Touriñán, no calendario ‘Nico contra el cancer infantil’ para fomentar a investigación
Artigo seguinte
O fenómeno de Fariña: Touriñán fala nos programas de Atresmedia da exitosa serie

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Federico Pérez inicia un novo proxecto teatral en ‘A Leituga’