O espectáculo teatral, escrito e dirixido por Javier Veiga, percorrerá as grandes cidades galegas entre os meses de maio e xuño. Logo do éxito de Somos Criminais, que bateu todos os records na historia do teatro galego converténdose no espectáculo con máis entradas vendidas, Carlos Blanco e Touriñán xúntanse de novo para ofrecer ao público unha comedia con mar de fondo.

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán volven xuntos aos teatros. Logo da inmellorable experiencia de Somos Criminais, o espectáculo que compartiron durante o pasado ano e que bateu todos os records de venda de entradas, regresan desta volta cunha comedia con mar de fondo. Escrita e dirixida por Javier Veiga, coa produción de Ainé Producións.

Unha noite na praia é unha comedia de dous personaxes. Dous tipos moi distintos que coinciden ao solpor nunha praia fronte ao mar. Klaus e Manuel, un sueco e un galego, que se parecen o mesmo que o restaurante do Ikea a un furancho da aldea.

Na praia non queda ninguén; só Manuel, que traballa no chiringuito, e Klaus, un turista que non quere levantar o cu da derradeira hamaca que queda por recoller. Así arranca o conflito destes dous tipos: un quere marchar para a casa a durmir, e o outro quere que lle poñan a última cervexa e un ombreiro para chorar as súas penas polo seu corazón roto.

Unha noite na praia é un cruce de camiños de area no que se xunta unha parella improbable; dous imáns opostos, auga e aceite, a fame coas ganas de comer… Klaus e Manuel comezan a falar, e comparten anécdotas e recordos. Pero pouco a pouco van saíndo tamén os medos, os soños, as inseguridades… E finalmente son segredos e confesións que se cadra tería sido mellor non ter confesado.

Segundo avanza a noite, ímonos enterando de que nesta praia non todo é o que aparenta ser. E polo menos un dos dous non é quen aparenta ser. E se cadra este encontro casual non foi tan casual como parecía ser.

De xira por toda Galicia

Entre os meses de maio e xuño Touriñán e Carlos Blanco xirarán por toda Galicia con Unha noite na praia. Vilalba (10 e 11 de maio), Santiago (25 e 26 de maio), Lugo (31 de maio), Pontevedra (7 e 8 de xuño), A Coruña (14 e 15 de xuño), Vigo (21 e 22 de xuño) e Ferrol (28 e 29 de xuño) completan o calendario desta primeira xira.

Na web www.unhanoitenapraia.gal pódense atopar os enlaces para a venda de entradas.