Mucha e Nucha comezan o ano en Melide

Rematadas as vacacións do Nadal, as Fillas da Conexa volven aos escenarios. Melide acollerá o vindeiro 7 de xaneiro a primeira cita do ano co dúo cómico formado por Xosé Antonio Touriñán e Marcos Pereiro.

cantereiras ardebullo

Quince anos son xa os que levan Os Dous de Sempre, a parella formada polos actores cullerdenses Xosé A. Touriñán e Marcos Pereiro, representando ás Cantareiras de Ardebullo por toda Galicia, unha parte imprescindible da historia do humor do noso país.

O universo de Ardebullo, coa Conexa (a súa nai, e outras tantas fillas), o Padre Nicanor ou Pepe de Rumbo como protagonistas, teñen feito rir a moita xente durante a última década, e a que lles queda durante 2017.

Durante o Nadal, Pereiro e Touriñán acompañaron aos espectadores da Televisión de Galicia con outro dos seus proxectos, Nós, un programa especial na canle autonómica centrado nas tres grandes festas destas datas: Noiteboa, Noitevella e Reis. En cada un deles achegaron a orixe e os costumes da festa que celebraban, conducindo ao espectador por diferentes momentos da historia.

Mucha e Nucha volven agora ao humor en directo, este sábado, na Casa da Cultura de Melide, cunha función prevista ás 21.00 horas. As entradas, a un prezo de 10 euros, están xa dispoñibles a través de Entradas ABANCA para adquirílas de maneira anticipada ou na propia taquilla ata completar o aforo.

One comment on “Mucha e Nucha comezan o ano en Melide

Deixa un comentario

O teu correo electrónico non se publicará