Touriñán e Marcos Pereiro estrearán un novo programa na TVG o 23 de febreiro
Buscando Ardebullo é o título dunha divertida viaxe por media Galicia na que os actores cullerdenses, acompañados polo pai de Marcos, percorrerán pequenas vilas e aldeas do país para coñecer a forma de vida das súas xentes.

Nova aventura para Marcos Pereiro e Touriñán na Televisión de Galicia. Desta volta con programa da súa propia produtora, Osdous Ardebullo, e nun rexistro diferente do que os espectadores estaban acostumados.
Buscando Ardebullo estrearase o martes 23 de febreiro no horario de máxima audiencia. Trátase dun programa de viaxes no que Os Dous de Sempre, acompañados por Manolo Pereiro, o pai de Marcos, percorrerán Galicia. En cada episodio visitarán un lugar do que os espectadores coñecerán a vida e as circunstancias da xente que por alí anda. Ademais en cada programa, Touriñán e Pereiro realizarán un espectáculo moi especial para os habitantes do lugar e para todos os espectadores que os vexan desde as súas casas.
Toda unha vida xuntos
Marcos Pereiro e Touriñán inician un novo proxecto xuntos desde a súa produtora logo de toda unha vida compartindo a evolución dunha espectacular carreira artística que os levou a participar en innumerables producións televisivas e de humor en directo. O teatro ou o cine son outros dos ámbitos nos que ultimamente se deixan ver, tanto xuntos como con proxectos individuais.
Ainé, na produción do programa
Este novo proxecto conta no seu equipo con grandes nomes do audiovisual en Galicia, como Jorge Coira, recentemente galardoado nos Goya, que dirixiu algúns dos episodios do programa.
Matías Tarrío, Ana Míguez, Gaspar Broullón, Marcos Martínez ou Xosé González entre tantos outros completan un equipo no que o equipo de Ainé se encargou das tarefas de produción do programa.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Amoriños’ amplía a súa segunda xira con novas datas e funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo suma novas paradas na súa xira de primavera, incluíndo no percorrido a Vilagarcía, Santiago, Ourense, Cee e Narón.
Xosé A. Touriñán inicia este venres o percorrido estatal do seu monólogo
O cómico actúa esta semana no Teatro Arlequín Gran Vía, primeira parada dunha serie de funcións que o levarán tamén por Bilbao, Barcelona e Oviedo nos próximos meses.
‘Amoriños’ prepárase para unha primavera de amor sobre as táboas
Tras unha primeira xira con funcións esgotadas, Touriñán e Perdomo regresarán no mes de marzo coa súa última proposta, un espectáculo de citas tolas, improvisación e moito corazón.


