Os ‘artistiñas’ xúntanse de novo nun partido pola concordia no derbi
As caras coñecidas da televisión e a cultura en Galicia participarán este sábado en Baiona nun partido de confraternización, horas antes do derbi de Balaidos. A iniciativa enmárcase, por segundo ano consecutivo, dentro da campaña ‘Imposible sen ti’. Xogadores veteráns de Deportivo e Celta únense desta volta aos artistas e tamén participarán no partido, que arbitrará o actor Antonio Durán Morris.

Quedou atrás o tempo no que as horas antes do derbi galego entre Celta e Deportivo eran só tensión. O nacemento o pasado ano da campaña ‘Imposible sen ti’, apadriñada polos dous clubes, veu a abrir unha nova etapa de concordia entre afeccións, á que se sumaron algunhas das caras máis coñecidas da televisión e a cultura en Galicia.
Humoristas, presentadores, xornalistas, actores e mesmo cociñeiros participaron xa o pasado ano nun partido moi especial entre celestes e branquiazuis que se repetirá este sábado, na fin de semana do Celta – Deportivo en Balaidos. A cita terá lugar o sábado ás 17.00 horas no campo Val de Martín de Baiona, e contará coa presenza de, entre tantos outros nomes, Xosé A. Touriñán ou Federico Pérez.
‘O derbi dos artistiñas’, o nome co que se bautizou a iniciativa hai un ano, complementa á campaña publicitaria apadriñada por ABANCA, que xira ao redor dun spot publicitario que acumula xa máis de 30.000 reproducións en YouTube, e que produciou Tex45 Producións en colaboración con Ainé Producións.
O anuncio fala da relación entre Celta e Depor nunha familia. Unha historia que ten tamén ao mar como protagonista, algo que tamén une ás dúas grandes cidades galegas.
Anxo (Toño Casais) é o pai de Roque (Roque Blanco). Marcha traballar ao mar na noite do derbi, e despídense no peirao cunha sentida conversa sobre a importancia dalgunhas decisións. Xa á noite falan nunha videochamada durante o descanso do partido e comentan as xogadas máis polémicas. O spot ven a deixar clara unha evidencia: sen un deles dous e da súa paixón, o derbi só sería un partido de fútbol.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.
‘Moi Animal’, o novo monólogo de Touriñán, suma novas funcións á súa primeira xira
O novo monólogo de Xosé A. Touriñán esgota localidades en Cee e Santiago e amplía funcións na Coruña, Vilagarcía, Vigo e Pontevedra. A xira, que comezará en outubro, continúa medrando antes da súa chegada aos escenarios galegos.
Chega ‘A Lacena Pequena’, un novo proxecto cultural itinerante
Ainé e E-ló Arquitectura poñen en marcha unha proposta que combina música, artes escénicas, gastronomía e patrimonio a través dunha singular infraestrutura.


