Melide, Ribadumia e Pontedeume, as últimas datas da xira de inverno de Manolo Lojo
Xosé A. Touriñán levará o seu monólogo en solitario a tres novas localidades nas próximas semanas, para comezar despois a xira do seu novo espectáculo con Carlos Blanco. Serán as últimas oportunidades deste inverno para coñecer a historia de Manolo Lojo, para quen todo pode ir a peor, unha conclusión consecuencia da súa tráxica biografía.

Non contaba a nai de Manolo Lojo que o seu fillo nacera antes do previsto. Foi o anticipo dunha vida chea de dificultades, a de Manolo, pero que lle permitiu aprender cuestións fundamentais que agora conta nos teatros e auditorios diante de quen queira escoitalo. As próximas ocasións (e as derradeiras neste inverno) serán en Melide, Ribadumia e Pontedeume.
Xosé A. Touriñán ten por diante as que serán as tres últimas actuacións co seu monólogo en solitario, ao menos nun tempo, xa que o actor cullerdense conta os días para iniciar a xira do seu novo espectáculo con Carlos Blanco.
Melide, o venres 23 de febreiro ás 21.30 horas, será a primeira das oportunidades para coñecer a Manolo Lojo. As entradas están á venda a un prezo de 12 euros (anticipada) e 15 € (taquilla) en Muxica Tenda Xoven e o estanco Angarela. O espectáculo terá lugar na Casa da Cultura.
Ao día seguinte, ás 20.30 horas, a cita será en Ribadumia. A asociación Festeiros de Leiro promove esta nova oportunidade para gozar con Touriñán, no auditorio da localidade pontevedresa. As entradas, cun prezo de 15 € (anticipada) e 18 € (taquilla) están á venda en O Che (Barrantes), O Cruceiro Vello (Ribadumia) e A casa da Feira (O Mosteiro).
O sábado 10 de marzo ás 21.00 horas a coñecida Sala Coliseo de Pontedeume acollerá a última das datas previstas. As entradas, á venda a un prezo único de 15 euros, pódense adquirir en Pizza Miño (Miño), Axencia Eume Viaxes (Pontedeume) e Cervexería Boss (Ferrol – Esteiro).
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.


