Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia 2026, o encontro da comunidade WordPress que chega por primeira vez á Coruña. A cita reunirá profesionais e persoas usuarias arredor do desenvolvemento web, o software libre e a creación dixital, cun programa de relatorios, obradoiros e actividades colaborativas.
Ainé será unha das entidades colaboradoras da WordCamp Galicia 2026, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. A produtora participa como patrocinadora na categoría bronce, nunha colaboración vinculada ao uso habitual de WordPress nas webs dos seus espectáculos, producións e proxectos, así como en distintos procesos internos.
As WordCamps son encontros organizados polas comunidades locais de WordPress en diferentes lugares do mundo para compartir coñecementos, intercambiar experiencias e contribuír ao desenvolvemento desta ferramenta. A edición galega deste ano será a primeira que terá lugar na Coruña, despois das anteriores edicións vinculadas a Pontevedra.
WordPress é o sistema de xestión de contidos máis utilizado na web e un proxecto de software libre e de código aberto que permite que persoas e organizacións de todo o mundo poidan utilizalo, adaptalo e contribuír á súa mellora. Esta dimensión colaborativa está na base das WordCamps, que funcionan como espazos de encontro para profesionais, persoas desenvolvedoras de programas e usuarias interesadas en compartir coñecementos e explorar novas posibilidades arredor da creación dixital.
A programación da WordCamp Galicia 2026 desenvolverase na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña e reunirá especialistas en WordPress e outras disciplinas relacionadas co mundo dixital. A xornada do sábado incluirá relatorios, talleres e mesas arredor de cuestións como a intelixencia artificial, a accesibilidade, o comercio electrónico, o código aberto ou os sistemas de distribución de contidos RSS. Precisamente sobre RSS falará Pilar Mera, profesional freelance especializada en WordPress e colaboradora habitual de Ainé nos seus proxectos web. O programa comezará o venres cun taller de iniciación a WordPress e un hackathon solidario destinado á creación dunha web para unha organización sen ánimo de lucro. Xa o domingo, o Contributor Day ofrecerá a oportunidade de colaborar directamente co proxecto a través de tarefas como a tradución de complementos ou a subtitulación de vídeos.
Para Ainé, participar nesta iniciativa é tamén unha forma de apoiar a comunidade que contribúe a manter e mellorar unha ferramenta presente no seu traballo diario. A maioría das webs dos seus espectáculos, producións e proxectos están desenvolvidas con WordPress, polo que a colaboración conecta a súa actividade profesional cun ecosistema baseado no coñecemento compartido, a participación e o desenvolvemento colectivo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



