A Lacena Pequena chega a A Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño

A partir das 16.00 h deste sábado, a Lacena abrirá as súas portas para unha tarde dedicada a recuperar historias das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.

Concerto de Tapa D'Orella no marco da programación da primeira parada da Lacena en Vedra. Fotografía: Laura Pose.

A Lacena Pequena continúa o seu percorrido por diferentes localidades galegas cunha nova parada. O sábado 3 de outubro, o proxecto itinerante instalarase en A Rúa, onde permanecerá aberto na praza do Concello durante toda a tarde cunha programación construída arredor de dous elementos especialmente vinculados ao territorio: a memoria das festas e a cultura do viño.

A Lacena abrirá as súas portas ás 16.00 h. Dúas horas despois, ás 18.15 h, comezará a conversa A Rúa nas festas de onte e de hoxe, un encontro no que Ermitas Díaz, Carmen Álvarez, Rosa García, Yolanda Moon e Rosario Rodríguez compartirán lembranzas e reflexións arredor da evolución das festas e da maneira na que estas forman parte da memoria colectiva da localidade.

A programación continuará ás 19.15 h coa lectura do poema sobre o viño de Rosa García Machado, que dará paso, ás 19.30 h, a un coloquio dedicado precisamente á cultura vitivinícola do territorio. Nel participarán Sabela, da Bodega Alán de Val, e Javier, da Bodega Sampayolo, que conversarán sobre o viño no Valdeorras e sobre a súa presenza e evolución na comarca.

Ás 20.30 h terá lugar unha cata de viños da D.O. Valdeorras, con referencias das dúas adegas participantes: Godello Pedrazais e Rodado Castes Nobres, da Bodega Alán de Val, e Garnacha Tintonera, da Bodega Sampayolo.

A xornada pecharase ás 21.00 h coa actuación do Grupo de Cantos de Taberna da Asociación Abertal, que poñerá música ao final desta segunda parada da Lacena.

Como xa aconteceu en Vedra, a programación de A Rúa parte das características do propio lugar e das persoas e iniciativas vinculadas ao territorio.

A Lacena Pequena é un proxecto promovido por Ainé e E-ló? D Arquitectura e impulsado pola Xunta de Galicia ao abeiro do programa ‘O Teu Xacobeo’. A iniciativa converte un contedor marítimo reciclado nun espazo cultural móbil que percorre localidades de menos de 5.000 habitantes vinculadas ás rutas xacobeas. En cada parada, a programación adáptase ás características do lugar e combina diferentes formas de creación, participación e divulgación cultural.

Despois de pasar por Vedra e A Rúa, o percorrido continuará por Triacastela os días 10 e 11 de outubro, Portas os días 23 e 24 e Boqueixón os días 30 e 31. Cada unha destas paradas contará tamén cunha programación propia.

As datas e as novidades do percorrido de A Lacena Pequena poden consultarse en alacenapequena.gal.

Entrada anterior
Lamatumbá, Premio Rebulir da Cultura Galega na categoría de Música Galega

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » A Lacena Pequena chega a A Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.