O pobo de Xosé Antonio Touriñán acollerá do 20 ao 25 de agosto unha nova edición dun evento que amplía a súa programación en relación a anos anteriores, con múltiples actividades relacionadas co valor da tradición oral no medio rural.

presentacion-tourinan
Touriñán presentou o festival no Campo da Capela de San Ramón

Castelo, unha pequena parroquia do interior de Culleredo, prepara para finais de agosto unhas festas moi especiais. Faltarán as orquestas, os coches de choque ou as camas elásticas. O seu lugar será ocupado por escenarios feitos a man por nenas e nenos con materiais recollidos polo monte, moitas cadeiras, sombreiros de palla, ou grandes manxares cociñados polos veciños do lugar.

Castelo é o pobo de Xosé Antonio Touriñán. Un lugar que respira ao ritmo da frenética actividade que o seu veciño máis popular desenvolve no teatro ou a televisión. Este venres presentou o festival diante da Capela de San Ramón, o lugar máis emblemático da parroquia, acompañado de representantes do Concello de Culleredo, a Deputación da Coruña e Deleite, patrocinador do evento.

E acompañado tamén duns cincuenta veciños de Castelo, que quixeron coñecer de primeira man a programación completa do festival, que durará seis días, e repartirá as súas actividades polas diferentes aldeas da parroquia.

Touriñán referiuse na súa intervención aos inicios do festival, “unha xuntanza de amigos, convidados á festa”. Falou tamén da evolución das festas de Castelo nos últimos anos, “ás orquestras máis caras xa as trouxemos, por aquí xa pasaron todas, agora é momento de facer cousas diferentes”. E é que a parroquia na que naceu e vive o actor é coñecida na comarca da Coruña por ter acollido multitudinarias verbenas coas orquestras máis coñecidas. “E tamén pola churrascada”, lembrou Touriñán. Por suposto, a cita gastronómica non faltará dentro do programa das festas deste ano.

Sobre a programación, lembrou un dos ingredientes fundamentais, case transversal a todas as actividades previstas: a importancia de falar. “Xuntarse coa xente, cos veciños, e os amigos, e falar. Fai moita falta nestes tempos”.

Touriñán, acompañado por Pedro González (Deleite) e Xesús M. Soto (Deputado Provincial)

Touriñán estivo acompañado na presentación por representantes das diferentes institucións e empresas que colaboran no festival.

O Concelleiro de Desenvolvemento Socioeconómico, Turismo e Festas do Concello de Culleredo, Juan Carlos Lovelle, amosou o seu apoio á organización do festival, valorando “a capacidade de pensar en cousas novas, de reinventarse á hora de programar unhas festas”.

Pola súa banda, Xesús M. Soto, Deputado Provincial, destacou a importancia que para o medio rural do noso país teñen iniciativas deste tipo. “Axudan a asentar e incorporar poboación, e a poñer en valor a calidade de vida da que gozamos os que temos a sorte de vivir no rural”, dixo. Destacou tamén a aposta da Deputación da Coruña por iniciativas deste tipo, mesmo lembrando que tan importantes son festivais de moito máis nome, coma o Castelo Conta, e que por iso é un dos obxectivos do actual grupo de goberno da Deputación estar e participar de iniciativas deste tipo.

Pedro González Boquete, representante da marca Deleite, patrocinador do festival, destacou que o Castelo Conta “é unha das iniciativas máis interesantes que a marca ten apoiado”. Sinalou que a empresa “foi creada por un grupo de gandeiros para poder vivir do seu traballo, e co resto contribuir a facer país”, e por iso o apoio a eventos destas características.

Ao remate da presentación Touriñán quixo que todos os veciños presentes participaran dunha foto de familia, “pola importancia que teñen os veciños para que todo isto sexa posible”.