O novo programa da TVG chega este xoves á pequena pantalla, coa emisión da función gravada no Teatro Afundación de Vigo, na que Xosé A. Touriñán participou como convidado. Malo será! encherá de humor as noites dos xoves na canle pública ao menos durante todo o verán.
Unha familia primitiva con problemas moi actuais, uns executivos reunidos para poñer solución aos problemas da súa empresa, ou unha parella de Protección Civil preocupada polas medidas de seguridade do teatro… As risas están servidas, e só haberá que agardar ata o xoves, o día no que Malo será! chegará ás pantallas da Televisión de Galicia.
O novo proxecto de Tex45 Producións no que tamén participa Ainé Producións chega á pequena pantalla coa emisión da función gravada no Teatro Afundación de Vigo o pasado 28 de xuño. Nove divertidos sketches con público en directo e a banda de música do mestre Cristian Leggiero amenizando o espectáculo.
Marcos Pereiro e Federico Pérez son dous dos grandes protagonistas dun elenco que completan a presentadora, Lucía Regueiro, e os actores Oswaldo Digón, Sabela Hermida e Lucía Veiga, aos que se unirá Isabel Blanco en próximos programas.
En cada programa únese a este elenco un convidado especial -Xosé A. Touriñán será o primeiro- e un actor ou actriz nobel: no caso da función en Vigo, Cristina Andrade.
Hora e media de bo humor para as noites dos xoves de, ao menos, todo o verán, na Televisión de Galicia.
Ainé, nos traballos de produción do programa
Malo será! é unha produción de Tex45 Producións na que participa Ainé Producións con boa parte do seu equipo nas tarefas de produción. Máis de sesenta profesionais completan un equipo que durante todo o verán percorrerá media Galicia para levar a televisión aos teatros e auditorios de Vigo, Verín, Noia, A Coruña, Viveiro, A Illa de Arousa e Lugo.