Somos Criminais, o primeiro espectáculo de Touriñán e Carlos Blanco xuntos
Xirarán por toda Galicia entre os meses de abril e xuño. A estrea está prevista para os días 30 e 31 de marzo no auditorio da Illa de Arousa.

Temos unha cultura criminal propia? Delinquimos como galegos? Para responder a estas preguntas, Carlos Blanco e Touriñán analizan e dramatizan crimes autóctonos en todas as súas variables, desde o crime por arroutada ata o crime por acumulación de mala hostia, pasando polo crime familiar por causa das herdanzas, o asasinato por suxestión ou as orixes do narcotraficante galego. A conclusión é clara: Somos Criminais.
A Illa de Arousa, Vimianzo, Viveiro, Ferrol, Cangas, A Coruña, Vilalba, Lugo, Vilagarcía, As Pontes, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Ponteareas, A Rúa, Burela e Narón son os lugares que Touriñán e Carlos Blanco visitarán neste primeiro semestre de 2018, nunha xira para a que as entradas están xa á venda a través da web do espectáculo.
Dous dos talentos máis prolíficos da comedia en Galicia únense por primeira vez nun espectáculo conxunto, cun texto inédito de José Prieto no que xa traballan os actores para completalo e darlle forma, e coa dirección técnica de Dani Juncal. Somos Criminais é unha produción de Condetrespés e Undodez, coa colaboración de Ainé Producións.
NOTICIAS RELACIONADAS
Xosé A. Touriñán recibe o Premio de Honra Manuel Lourenzo de Feteagal
O recoñecemento foi entregado o pasado sábado no Teatro Colón da Coruña, durante a gala dos I Premios Feteagal Manuel Lourenzo do Teatro Amador Galego.
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.


