Ampliamos o noso equipo! Queres traballar con nós desenvolvendo proxectos culturais?

Lanzamos unha oferta de traballo para incorporar, con certa urxencia, a unha ou un profesional para desenvolver proxectos audiovisuais, de artes escénicas, e de dinamización cultural en Galicia (e en galego).

A pandemia trouxo moitos desgustos por aquí… O máis grande, perder o contacto co público nos teatros en Galicia. Foron (e son) moitos meses nos que tivemos tempo para facer outras cousas, que foron dando os seus froitos, e polas que agora queremos seguir apostando.

De entrada, queremos apostar por xerar emprego no noso sector, o da cultura, en Galicia e en galego. Emprego en condicións dignas, e iso ten que ver cos cartos, pero tamén coa conciliación, e con outras moitas cousas.

Que precisamos e que valoraremos?

Incoporar unha ou un profesional que teña interese no desenvolvemento de proxectos de todo tipo relacionados cos diferentes ámbitos da cultura nos que traballamos (nomeadamente, o audiovisual e as artes escénicas).

Necesario, ou máis ben, imprescindible, escribir ben (ou moi ben), en galego. Encántanos, cando presentamos un proxecto, presumir de que está ben escrito.

Valoraremos a maiores coñecementos de maquetación, e tamén gusto polas cousas ben presentadas. Tamén teremos en conta a capacidade para asimilar novos proxectos dun xeito áxil, e melloralos con calquera tipo de achega.

Outra cousa: teremos en conta o coñecemento e/ou experiencia elaborando proxectos para presentar a convocatorias públicas, e polo tanto, sabendo ler e entender as bases reguladoras das mesmas. Ou o que é o mesmo, que se estás afeita ou afeito á linguaxe administrativa será positivo.

Para facer que?

Para darlle forma a ducias de ideas e proxectos que queremos presentar a convocatorias públicas, pero tamén á iniciativa privada, para poder producir nos próximos meses ou anos. Proxectos relacionados co audiovisual, coas artes escénicas, e con outras tantas cousas nas que vimos traballando desde hai anos, como o valor da tradición oral para o patrimonio colectivo do noso país, a internacionalización do talento no sector cultural en Galicia, e outras tantas cousas moi interesantes, pero para as que case sempre quedamos sen tempo.

En que condicións?

Un contrato inicial de cinco meses, a xornada completa, cunha remuneración bruta de 1.500 €, coa posibilidade de teletraballar (cunha mínima dispoñibilidade para asistir, puntualmente, a algunha reunión presencial na nosa oficina na Coruña).

Precisaremos, iso si, incorporación inmediata. Recibiremos propostas ao longo desta Semana Santa, para escoller o antes posible, e que esta aventura comece nos primeiros días de abril. Para os casos nos que existiran incompatibilidades polos días precisos cos que avisar do cambio noutra empresa, valoraremos opcións de xornadas parciais nas primeiras semanas.

Que tes que enviarnos e como imos valorar as propostas?

Se a oferta é do teu interese, podes enviarnos o que queiras a equipo@aine.gal… Pode ser un currículo, ou non. Podes contarnos no propio correo por que queres traballar con nós, ou podes enviarnos cousas escritas por ti, o que queiras.

É posible, iso si, que das candidatas e candidatos que mellor encaixen abusemos un pouco, pedíndolles unha proba de escritura moi sinxela, dun folio como moito. É moi importante para nós estar convencidos na cuestión da escrita.

Nun último momento é probable que organicemos algunha entrevista a través de videoconferencia.

Prazo de recepción de candidaturas

Recibiremos propostas ata o domingo 4 de abril.

Portada » Caderno » Ampliamos o noso equipo! Queres traballar con nós desenvolvendo proxectos culturais?