Xa temos as datas da xira de ‘Códice K’ por Galicia

A comedia sobre o roubo do Códice Calixtino visitará Cee, Lalín, A Coruña, Vigo, Negreira, Rianxo e Carral a partir de agosto e as entradas están á venda en codicek.gal

Patricia Castrillón interpreta "a códice" (en feminino) en 'Códice K'. Foto: Aigi Boga

O espectáculo ‘Códice K’ estreouse o pasado mes de marzo en Santiago de Compostela colleitando as risas dun público entregado que encheu as dúas funcións que tiveron lugar no Teatro Principal. Tralo éxito da estrea, a comedia sobre o roubo do Códice Calixtino fará unha xira por Galicia nos meses de agosto, setembro e outubro con datas confirmadas en Cee (19 de agosto), Lalín (1 de setembro), A Coruña (8 de setembro), Vigo (9 de setembro), Negreira (15 de setembro), Rianxo (23 de setembro) e Carral (20 de outubro). As entradas están xa á venda en codicek.gal, agás para Cee e Carral, que sairán xunto co resto da programación das mostras de teatro das dúas vilas.

En pouco máis de dous meses, o público galego volverá recordar o máis grande “true crime” da historia de Galicia pero desde a perspectiva das mulleres que rodearon a historia real. ‘Códice K’ conta con dramaturxia de Manuel Cortés e a dirección de Tito Asorey co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez. Sobre o escenario, Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón métense na pel das múltiples personaxes femininas da historia, en cuxos diálogos tamén participaron as intérpretes durante o proceso de improvisación dos primeiros ensaios.

As catro actrices están acompañadas en escena pola dj e produtora Russ quen, convertida en anxo, se encarga da música e ambientación en directo desde un altar da escenografía. A música é un elemento fundamental nesta montaxe, achegando un ritmo moi áxil a todo o espectáculo. Tito Asorey afirmaba que “sempre vin a obra como un auto sacramental, que tivera que ver co teatro medieval e relixioso. O anxo era a figura de altar, que toca a música que os demais bailan. Ten moito que ver con esa gran festa que era a Catedral nalgún momento”.

Marita Martínez e Lucía Veiga na mesa, mentres Russ se encarga da música desde o altar. Foto: Aigi Boga

Sobre ‘Códice K’

A historia que nos contaron xa a sabemos: en xullo de 2011 desaparece o Códice Calixtino e en 2012, xusto un ano despois, a policía recupera o libro, agochado no garaxe do electricista da catedral, Manuel Fernández Castiñeiras. Pero que pasou en todo ese tempo? Investigacións, sospeitas, seguimentos, interrogatorios… ‘Códice K’ é o que non se sabe porque nunca se contou, é a historia extraoficial en ton de comedia deste famoso roubo que tantas especulacións espertou hai xa máis de 10 anos.

Así foi a estrea en Santiago

Entrada anterior
Cheo total para as catro funcións de fin de xira de ‘Somos Criminais 3’ na Coruña
Artigo seguinte
Carlos Blanco e Touriñán pechan a xira de ‘Somos Criminais 3’ superando os 100.000 espectadores desde 2018

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Xa temos as datas da xira de ‘Códice K’ por Galicia