Na primeira semana tralo anuncio da nova xira xa se venderon máis de 3.000 entradas. Proximamente tamén estarán dispoñibles en somoscriminais.gal os billetes para Ourense, Ferrol e A Coruña

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán regresan o vindeiro mes de marzo aos teatros con ‘Somos Criminais 3’ despois do éxito de público da primeira parte da xira, na que o espectáculo acumulou máis de 30.000 espectadores. A acollida das novas datas está sendo moi boa pois, desde o anuncio da xira hai unha semana, xa se venderon máis de 3.000 entradas.
En ‘Somos Criminais 3’ os dous cómicos analizan Galicia e os seus habitantes para descubrir por que somos como somos. E fano presentando situacións históricas, distópicas ou cotiás sobre as que teorizar sobre o ser galego e se é certo que somos criminais. O espectáculo conta coa dirección de Tito Asorey e os textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.
Onde ver o espectáculo
A primeira parada será en Vigo con funcións o 17 e 18 de marzo e chegará a Pontevedra o 31 de marzo. En abril poderás achegarte a Santiago ou Vilagarcía de Arousa e en maio a Narón e Lugo. Xa en xuño, as citas serán en Ferrol, Ourense e A Coruña. As entradas para estas tres localidades sairán á venda nos próximos días.
Podes consultar toda a información e mercar as entradas en somoscriminais.gal.