Presentamos ‘Códice K’, o roubo do Códice Calixtino contado en feminino

As actrices Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón, acompañadas da música en directo de Russ, conforman o elenco deste novo espectáculo, que conta coa autoría de Manuel Cortés e está dirixido por Tito Asorey co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez. A estrea terá lugar o 24 de marzo no Teatro Principal de Compostela

Esta mañá presentamos no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela o espectáculo teatral Códice K, unha comedia que narra a historia extraoficial do roubo do prezado Códice Calixtino a través das mulleres que a circunvalaron para contrarrestar un acontecemento real no que só hai homes: o electricista, o deán, o xuíz, os curas, e mesmo o arcebispo.

Códice K conta con dramaturxia de Manuel Cortés, a dirección de Tito Asorey e o asesoramento artístico de Noemi Rodríguez. Sobre o escenario, Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel de múltiples personaxes femininas. As catro actrices estarán acompañadas en escena pola dj e produtora Russ, quen se encargará da música e ambientación en directo.

O equipo de Códice K participou no acto de presentación, ao que tamén asistiron Jacobo Sutil, director da Agadic, e o director do Auditorio de Galicia Xaquín López. Ambos salientaron a importancia da colaboración entre administracións para dotar as cidades e vilas galegas dunha programación cultural de calidade durante todo o ano.

Logo da residencia no concello de Cee, o equipo de Códice K trasladarase ao Teatro Principal de Santiago para facer os últimos ensaios antes da estrea do espectáculo o próximo día 24 na capital galega.

Que é ‘Códice K’?

En xullo de 2011 desaparece o Códice Calixtino. En xullo de 2012, xusto un ano despois, a policía recupera o libro, agochado nun garaxe. Que pasou en todo ese tempo? Investigacións, sospeitas, seguimentos, interrogatorios… Iso é Códice K: o que non se sabe porque nunca se contou. Códice K, o máis grande “true crime“ da historia de Galicia.

Datas da xira

Códice K estréase o vindeiro 24 de marzo no Teatro Principal de Compostela, onde terá unha segunda función o sábado 25 de marzo. Posteriormente, o espectáculo comezará unha xira con varias datas pechadas: Cee (19 de agosto), Vigo (9 de setembro) e Rianxo (23 de setembro). Máis información e venda de entradas en codicek.gal.

Artigo anterior
‘Continente María’ suma cinco candidaturas aos Premios María Casares 2023
Artigo seguinte
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán inician en Vigo a segunda xira de ‘Somos Criminais 3’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Presentamos ‘Códice K’, o roubo do Códice Calixtino contado en feminino