Un segredo a voces: é o talento das persoas o que fai medrar as empresas.

Se nos últimos tempos fomos quen de facer moitas cousas interesantes foi grazas a un equipo imbatible, ao que agora precisamos incorporar caras novas.

Esta non é unha oferta de traballo ao uso. Nin sequera é unha soa oferta de traballo.

Temos por diante varios meses con distintas frontes abertas, diferentes entre elas. Proxectos de artes escénicas, de audiovisual. Xiras por Galicia e por fóra, espectáculos puntuais… Tamén temos abertas algunhas liñas de traballo no terreo da innovación. Todo, por suposto, relacionado coa cultura.

Nas próximas semanas e meses precisaremos incorporar ao noso equipo algúns perfís. De xeito puntual nalgúns casos, permanente noutros. Para traballar na oficina e fóra da oficina. Para facelo nun ou varios proxectos á vez.

Produción de audiovisual e artes escénicas

  • Precisamos incorporar un ou varios perfís de produción para diferentes tarefas: viaxar cos equipos artísticos de distintos espectáculos, facer recollidas de materiais, organizar traslados e coordinalos, estar en contacto con quen nos contrata, ou simplemente ter coidado de que as cousas saian ben.
  • Encantaranos, igualmente, valorar novas incorporacións para o traballo de produción en oficina, máis relacionado coas tarefas administrativas e de control: presentación e xustificación de subvencións, revisión e tramitación de orzamentos e facturas, seguimento do resultado dos proxectos…

Deseño gráfico

  • Precisamos incorporar un ou varios perfís con competencias e talento en deseño, para maquetar presentacións e propostas, ou ata revistas. Para facer carteis, folletos e as súas aplicacións, contidos para redes sociais…

Márketing dixital

  • Precisamos incorporar un ou varios perfís con coñecementos en márketing dixital: tanto en estratexia de contidos como en tratamento de datos. Temos en marcha un proxecto moi ambicioso e innovador relacionado coa análise de perfís de público a partir de ferramentas de Big Data, no que queremos afondar nos próximos tempos.

Cada necesidade ten os seus tempos e as súas condicións, e por iso lanzamos unha oferta ampla e aberta: queremos recibir propostas de xente á que poida apetecerlle traballar con nós. Pode ser un currículo ou pode ser calquera outra cousa coa que poidamos valorar incorporacións (un correo electrónico, ou ata un audio por whatsapp). Prometemos contestar -facémolo sempre-.

Para traballar con nós a experiencia non é necesaria nin imprescindible. É só unha cousa máis a ter en conta. Pero recibiríamos encantados tanto a alguén en segundo curso de calquera carreira, como a alguén a dez anos de xubilarse.

Que valoramos? Por enriba de todo, o interese e as ganas. E a moita distancia, outras tantas cousas: vivir pola zona da Coruña, saber galego, ter interese no mundo da cultura, conducir…

Nalgúns casos buscamos incorporacións inmediatas, noutros, non temos tanta présa.

Sexa como sexa, a forma de contactar con nós é enviarnos un correo a equipo@aine.gal (ou o do audio por whatsapp, que ía en serio: 659 747 021).