Carlos Blanco e Touriñán volven saír de xira con ‘Somos Criminais 3’

Logo do éxito da xira de presentación, con máis de 30.000 espectadores, os dous cómicos inician unha nova volta polos teatros de Galicia. Todas as datas confirmadas e a venda de entradas están dispoñibles en somoscriminais.gal

Touriñán e Carlos Blanco nun momento do espectáculo. Foto: Aigi Boga

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán volven aos teatros galegos nunha segunda volta de Somos Criminais 3. En decembro de 2021, os dous cómicos presentaban este espectáculo co obxectivo de volver encher os teatros tras ano e medio de restriccións de acceso. O resultado foi espectacular, máis de 30.000 espectadores, 40 funcións e as butacas cheas de risas e bo humor.

Somos Criminais 3 conta coa dirección de Tito Asorey e os textos son obra de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán. No pasado ano, logo de percorrer os teatros galegos, o espectáculo rematou a primeira xira no Castelo Conta, onde máis de 1.200 espectadores encheron a polideportiva de Castelo.

En Somos Criminais 3, Carlos Blanco e Touriñán analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e averiguar por que somos como somos. Os dous cómicos presentan diferentes situacións históricas, distópicas ou cotiás sobre as que teorizar sobre o ser galego e se é certo que somos criminais, no sentido menos criminal da palabra, iso si.

Novas datas para fartar a rir

Logo da súa estrea no 2021, Somos Criminais 3 regresa agora para volver encher os teatros de risas. A primeira parada será o 17 de marzo en Vigo, no Teatro Afundación. Logo, o espectáculo viaxará a Pontevedra, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Narón, Lugo, Ferrol, Ourense e finalizará o 10 de xuño no Teatro Colón da Coruña.

As entradas para esta segunda xira están á venda a través de somoscriminais.gal, onde tamén podes consultar as datas e toda a información do espectáculo.

Vídeo promocional desta segunda xira.
Entrada anterior
‘Recortes’ remata a xira de presentación por todo o alto
Artigo seguinte
Volven as risas aos teatros con ‘Somos Criminais 3’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Carlos Blanco e Touriñán volven saír de xira con ‘Somos Criminais 3’