O primeiro premio para este proxecto de Xosé A. Touriñán chegou do Mediterráneo. ‘Nena’ resultou vencedora no II Festival Internacional de Cine de Vilafamés, celebrado na última semana do mes de xuño nesta localidade de Castelló.
Touriñán, que recolleu o galardón xunto co coprodutor da fita Alberto Díaz, agradeceu ao equipo da película o seu traballo nesta curtametraxe rodada en Mondoñedo no verán de 2022. Codirixida con Jairo Iglesias sobre un guión do propio Touri, ‘Nena’ está protagonizada por Antía Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e Xosé A. Touriñán.
A película conta a historia dunha nena de 12 anos que logo da morte da súa nai vese na obriga de remplazar o seu papel como piar da familia, deixando a un lado as súas necesidades. A curta ofrécenos unha mirada luminosa sobre a traxedia, con toques de humor negro e unha fotografía moi coidada.
Coproducida por Undodez e Mordisco Films, ‘Nena’ contou para a súa realización coa axuda de Industrias Culturais da Xunta de Galicia e o Concello de Mondoñedo. Nas próximas semanas terá a súa estrea en Galicia.