Sempre prometemos risas e compromiso coa lingua, así que non ía ser menos nestes días de celebración das Letras Galegas. Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán continúan coa segunda xira de Somos Criminais 3 e hoxe, venres 12 de maio, chegan ao Pazo da Cultura de Narón coas entradas esgotadas. Xa o martes, 16 de maio, os cómicos ofrecerán unha boa dose de humor ao público de Lugo, con dúas funcións ás 20:30 horas e ás 23:00 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire. As últimas entradas están á venda en somoscriminais.gal.
Somos criminais no sentido menos criminal da palabra? Temos unha maneira propia de ser e de estar? Somos diferentes, somos parecidos ou somos iguais aos demais? Son certos os tópicos que hai sobre nós? En Somos Criminais 3, Carlos Blanco e Touriñán tratan de dar resposta a estas preguntas e analizan Galicia e os seus habitantes para averiguar por que somos como somos. Somos Criminais 3 é un espectáculo que conta coa dirección de Tito Asorey e os textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.
Touriñán en Cangas
Ademais de compartir escenario con Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán está de xira co seu monólogo Aquí Tou!, unha peza moi persoal na que, mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, nos leva da man a través dunha serie de boas e malas decisións que o levaron a ser que hoxe é. O cómico estará este sábado, 13 de maio, no Auditorio Municipal de Cangas con funcións ás 19:00 horas e 22:00 horas. As entradas están á venda en aquitou.gal.