‘Continente María’ suma cinco candidaturas aos Premios María Casares 2023

O espectáculo opta aos galardóns de mellor dirección, mellor espazo sonoro, mellor iluminación, mellor texto orixinal e mellor actriz protagonista. Este sábado, 4 de marzo, a peza estará no festival Singular de Narón

O equipo no escenario trala estrea de Continente María. Foto: Aigi Boga

Onte, 1 de marzo, déronse a coñecer os espectáculos e profesionais nomeados aos XXVII Premios de Teatro María Casares na tradicional festa de finalistas que tivo lugar en Santiago de Compostela. O espectáculo Continente María suma un total de cinco candidaturas, converténdose nun dos favoritos nesta edición.

Melania Cruz opta ao galardón de Mellor Actriz Protagonista polo seu papel de María Casares mentres que Tito Asorey pode recoller o premio á Mellor Dirección. O dramaturgo tamén é finalista, xunto a Marianella Morena, na categoría de Mellor Texto Orixinal. Ademais, Vadim Yukhnevich e Laura Iturralde son candidatos a Mellor Espazo Sonoro e Mellor Iluminación, respectivamente.

En 2022, coincidindo co centenario do nacemento de María Casares, estreouse Continente María, unha peza que ofrece un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa actriz galega máis internacional. O espectáculo convida a coñecer en profundidade a pegada desta grande artista, somerxendo á audiencia nunha emotiva viaxe a través da súa vida.

A gala de entrega dos XXVII Premios de Teatro María Casares, organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), terá lugar o xoves 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Parabéns a todos os finalistas!

Próximas datas da xira

Continente María continúa a súa xira por Galicia. Este sábado, 4 de marzo, estará no festival Singular de Narón. O espectáculo tamén poderá verse en Bertamiráns (24 de marzo), Noia (25 de marzo) e Pontevedra (20 de abril). Despois, a obra viaxa a Madrid, onde se representará do 7 ao 11 de xuño nas Naves del Español en Matadero. Todas as entradas están á venda en continentemaria.gal.

Entrada anterior
Touriñán volve saír de xira con ‘Aquí Tou!’
Artigo seguinte
Presentamos ‘Códice K’, o roubo do Códice Calixtino contado en feminino

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Continente María’ suma cinco candidaturas aos Premios María Casares 2023