‘Continente María’ chega ao festival Singular de Narón

O espectáculo ofrece un diálogo coa figura de María Casares, interpretada por Melania Cruz. A autora do texto, a uruguaia Marianella Morena, verá por primeira vez en Narón a peza representada sobre as táboas. As entradas están á venda en continentemaria.gal

Melania Cruz e Vadim Yuchnevich nun momento de Continente María. Foto: Aigi Boga

A obra de teatro Continente María representarase en Narón este sábado, 4 de marzo, dentro da programación da oitava edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que reúne na localidade diferentes espectáculos que teñen en común o monólogo como formato.

Continente María é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. Neste diálogo – monólogo, a actriz Melania Cruz transita unha infinidade de rexistros, acentos e situacións como se fosen a súa propia casa, a súa propia pel, para interpretar a Casares. Pola súa parte, a música de Vadim Yukhnevich crea un espazo no que a emoción e o dinamismo conviven coa reflexión sobre o amor, a guerra ou a identidade.

O texto, baixo a dirección de Tito Asorey e escrito pola uruguaia Marianella Morena, trae a María Casares ao presente e convida a coñecer en profundidade a pegada desta grande artista, somerxendo á audiencia nunha emotiva viaxe a través da súa vida. A escritora verá por primeira vez en Narón o seu texto representado sobre o escenario, o que engade unha dose extra de emoción a esta función no festival Singular.

A función de Continente María no festival Singular será o sábado 4 de marzo, ás 20 horas, no Pazo da Cultura de Narón e os billetes están dispoñibles en continentemaria.gal. O prezo é de 9,50 euros para público xeral e de 6,65 euros para abonados e asistentes con prezo reducido.

Entrada anterior
‘Continente María’ chega en xuño ás Naves del Español de Madrid
Artigo seguinte
Touriñán volve saír de xira con ‘Aquí Tou!’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » ‘Continente María’ chega ao festival Singular de Narón