Buscamos un perfil de comunicación, contidos e marketing

Precisamos reforzar a área de contidos, da que forman parte as compañeiras e compañeiros que traballan no desenvolvemento de proxectos, a comunicación, o deseño e a promoción.

Estamos abertos a recibir propostas de todo tipo. Hai cousas que nos parecen imprescindibles, e outras que sumarán á hora de decidirnos.
As imprescindibles son, nesta orde, ter interese por traballar na cultura, saber escribir ben en galego, e coñecer as ferramentas fundamentais coas que se traballa no ámbito da comunicación e os contidos.
As que valoraremos especialmente son saber maquetar e/ou deseñar, e ter coñecementos sobre o inabarcable mundo do márketing -en especial, do márketing dixital- e sobre os recursos cos que se traballa neste ámbito, como Google Analytics, todo o universo de Meta, ou ferramentas de envío de correos electrónicos. Tamén teremos en conta o coñecemento ou interese en deseño e programación de páxinas web e todo tipo de contidos dixitais.

Na tendencia das grandes empresas cara a especialización (cuxos beneficios compartimos) nós desmarcámonos para incorporar un perfil moi versátil. A razón ten que ver con algo que debedes saber: aquí facemos moitas cousas -incluso moitas cousas á vez- e moi diferentes. Non sabemos se é moi recomendable, pero si sabemos que é moi entretido.

Sobre a nosa filosofía de negocio podes ler máis aquí. É importante compartila para unirte ao noso equipo, polo menos en liñas xerais!

As condicións


Sobre o salario, 1.500 € brutos ao mes en doce pagas. Sobre o horario, 35 horas semanais -como sinala o convenio do noso sector, por certo-, con xornada partida no inverno (pero dúas tardes libres á semana), e xornada intensiva no verán. Sobre a forma de traballo, presencial na nosa oficina da Coruña (flexible cando calquera circunstancia persoal o requira).

O proceso

Agradecemos moito que en vez de escribirnos por correo eletrónico cubras o seguinte formulario da nosa web, onde poderás adxuntar o teu currículo (que non é imprescindible) ou calquera outro documento que creas que podera ser útil para nós.

Comprometémonos a contestar, como facemos sempre. Iso si: xa que precisamos a incorporación con certa urxencia, non demoraremos moito a decisión.
A nosa idea é facer unha selección dos perfís que mellor encaixen no que precisamos, e pedir tanto un texto escrito en galego (orixinal ou xa existente), e unha conversa por videochamada na que coñecernos.

Portada » Caderno » Buscamos un perfil de comunicación, contidos e marketing