Cheo total para as catro funcións de fin de xira de ‘Somos Criminais 3’ na Coruña

Carlos Blanco e Touriñán estarán no Teatro Colón o venres 9 e o sábado 10

Carlos Blanco e Touriñán nun momento do espectáculo. Foto: Aigi Boga

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán pechan esta fin de semana na Coruña a segunda xira de ‘Somos Criminais 3’. Os dous cómicos ofrecerán unha boa dose de humor nas catro funcións que terán lugar no Teatro Colón o venres 9 e o sábado 10 de xuño, que xa colgan o cartel de “entradas esgotadas” desde hai un mes.

O público coruñés volve demostrar as súas ganas de rir con Blanco e Touriñán, que xa encheran as seis funcións da primeira volta polos teatros galegos deste espectáculo no que a idiosincrasia galega é a base sobre a que os dous cómicos artellan hora e media de comedia sen pausa. A Coruña acumula así 10 funcións nas que máis de 8.000 persoas encheron completamente o Teatro Colón.

Mais o público da cidade herculina non foi o único en dar esta boa acollida da segunda xira de ‘Somos Criminais 3’, pois no resto das paradas por Galicia tamén se esgotaron os billetes con antelación superando os 16.000 espectadores, que se suman ás máis de 30.000 persoas que xa gozaran do espectáculo na xira de presentación que tivera lugar entre finais de 2021 e principios de 2022.

Sobre o espectáculo

Somos criminais no sentido menos criminal da palabra? Temos unha maneira propia de ser e de estar? Somos diferentes, somos parecidos ou somos iguais aos demais? Son certos os tópicos que hai sobre nós? En ‘Somos Criminais 3’, Carlos Blanco e Touriñán tratan de dar resposta a estas preguntas e analizan Galicia e os seus habitantes para averiguar por que somos como somos. O espectáculo conta coa dirección de Tito Asorey e os textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

Artigo anterior
O legado de María Casares chega a Madrid
Artigo seguinte
Xa temos as datas da xira de ‘Códice K’ por Galicia

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Cheo total para as catro funcións de fin de xira de ‘Somos Criminais 3’ na Coruña