A segunda xira de ‘Somos Criminais 3’ chega ao seu ecuador cunha grande acollida do público

Nos meses de maio e xuño, o espectáculo poderá verse en Narón, Lugo, Ferrol, Ourense e A Coruña e as entradas están á venda en somoscriminais.gal. Os cómicos Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco xa visitaron con esta nova xira Vigo, Pontevedra, Compostela e Vilagarcía, colgando o cartel de esgotado en todas elas
Touri e Carlos Blanco no escenario, durante o espectáculo de humor 'Somos Criminais 3'

Touriñán e Carlos Blanco na estrea da primeira xira do espectáculo. Foto: Aigi Boga

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán iniciaron o pasado mes de marzo a segunda xira de Somos Criminais 3. Esta nova volta polos teatros de Galicia está repetindo a grande acollida de público que xa tivera a xira de presentación, na que máis de 30.000 espectadores acudiron a ver aos dous cómicos en acción. Agora, máis de 7.700 espectadores xa viron o espectáculo nas dez funcións en total realizadas en Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.

Este espectáculo, co que as risas están aseguradas, chega ao ecuador da xira e visitará ata xuño outras cinco cidades: Narón (12 de maio), Lugo (16 de maio), Ferrol (2 de xuño), Ourense (4 de xuño) e A Coruña (9 e 10 de xuño). Con grande éxito de venda, aínda quedan entradas dispoñibles na web somoscriminais.gal.

Somos criminais no sentido menos criminal da palabra? Temos unha maneira propia de ser e de estar? Somos diferentes, somos parecidos ou somos iguais aos demais? Son certos os tópicos que hai sobre nós? En Somos Criminais 3, Carlos Blanco e Touriñán tratan de dar resposta a estas preguntas e analizan Galicia e os seus habitantes para averiguar por que somos como somos. Somos Criminais 3 é un espectáculo que conta coa dirección de Tito Asorey e os textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.

Touriñán: de xira co monólogo Aquí Tou!

Ademais de subir ao escenario con Somos Criminais 3, o humorista Xosé A. Touriñán tamén está percorrendo Galicia con Aquí Tou!, unha peza moi persoal na que, a través do humor, convida ao público a facer un percorrido polos momentos vitais que o levaron a ser quen hoxe é. O monólogo visitará nas próximas semanas as últimas catro vilas da xira: Ponteareas (7 de maio), Cangas (13 de maio), Lalín (27 de maio) e Catoira (3 de xuño). As entradas están á venda en aquitou.gal.

Touriñán no inicio de xira de ‘Aquí Tou!’ no Grove. Foto: Aigi Boga
Artigo anterior
Touriñán participa no III Encontro Mundial de Humorismo
Artigo seguinte
Grandes doses de humor nos días previos ás Letras Galegas

NOTICIAS RELACIONADAS

Somos Criminais e punto final

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán poñen o punto final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego cun novo espectáculo de ‘Somos Criminais’.

Portada » Caderno » A segunda xira de ‘Somos Criminais 3’ chega ao seu ecuador cunha grande acollida do público