Chegou o momento de desvelar a historia extraoficial do roubo do Códice Calixtino: o espectáculo teatral Códice K estréase esta primeira fin de semana de primavera na cidade que viu desaparecer o seu prezado manuscrito. Mañá venres, 24 de marzo, o público do Teatro Principal de Santiago de Compostela volverá recordar o máis grande “true crime” da historia de Galicia pero desde a perspectiva das mulleres que rodearon a historia real. O sábado haberá unha segunda función e quedan as últimas entradas dispoñibles en codicek.gal.
Códice K conta con dramaturxia de Manuel Cortés e a dirección de Tito Asorey co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez. Sobre o escenario, Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón meteranse na pel das múltiples personaxes femininas da historia, en cuxos diálogos tamén participaron as intérpretes durante o proceso de improvisación dos primeiros ensaios. As catro actrices estarán acompañadas en escena pola dj e produtora Russ, quen se encargará da música e ambientación en directo a esta comedia.
O que non contaron do Códice Calixtino
A historia que nos contaron xa a sabemos: en xullo de 2011 desaparece o Códice Calixtino e en 2012, xusto un ano despois, a policía recupera o libro, agochado no garaxe do electricista da catedral, Manuel Fernández Castiñeiras. Pero que pasou en todo ese tempo? Investigacións, sospeitas, seguimentos, interrogatorios… Códice K é o que non se sabe porque nunca se contou. Na estrea de Compostela o misterio quedará resolto cando se conte a historia extraoficial deste famoso roubo que tantas especulacións espertou hai xa máis de 10 anos.
Datas confirmadas da xira
Trala estrea desta fin de semana en Santiago, o espectáculo ten xa varias datas pechadas: Cee (19 de agosto), Vigo (9 de setembro) e Rianxo (23 de setembro). Máis información en codicek.gal.
Esta produción conta coa axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais a través do seu programa de Subvencións á Creación Escénica.