O actor cullerdense súmase á necesaria concienciación da sociedade ao redor da importancia da investigación no cancro infantil colaborando cun movemento que, desde o ano 2015, traballa para mellorar a atención e apoiar ás familias das nenas e nenos que padecen esta enfermidade.

Fragmento do calendario no que participa Xosé A. Touriñán.

Nico era só un bebé de nove meses de idade cando a súa familia soubo que tiña un neuroblastoma, o tumor pediátrico máis habitual. O escaso financiamento de administracións e entidades para a investigación do cancro infantil levou á súa nai e ás súas tías a liderar un movemento, que denominaron Nico contra o cancro infantil, para dunha banda recadar fondos e destinalos á investigación, doutra sensibilizar á sociedade, e ademais loitar pola mellora da atención e os recursos para as familias e apoialas durante a enfermidade dos seus pequenos.

A investigación neste tipo de cancros é fundamental, para mellorar os tratamentos e tamén para abrir novas liñas de estudo que permitan ampliar a esperanza de vida.

Unha das iniciativas máis chamativas deste movemento é un calendario anual no que contan con caras coñecidas de diferentes ámbitos, e no que este ano participa Xosé A. Touriñán. Baixo a coordinación artística de La vida no es un comic, o calendario de 2018 é obra do fotógrafo e editor gráfico Isidro Cea, e nel colaboraron, ademais de Touriñán, Moncho Borrajo, Luis Piedrahita, David Amor ou Cuca Olveira entre outros.

Na web do movemento pódense consultar toda a información sobre onde adquirir os calendarios, a un prezo de 10 euros, unha das formas de colaborar con esta iniciativa solidaria.