A Fundación de Estudios Rurales decidiu concederlle o galardón por inspirarse no medio rural para crear as súas personaxes e empregar o humor para difundir a forma de vida neste medio. O actor e humorista cullerdense recibiu o premio en Madrid o pasado xoves.

Xosé A. Touriñán recibiu o pasado xoves en Madrid, na sede do Consello Económico e Social, o premio Orgullo Rural 2018, concedido pola Fundación de Estudios Rurales, no acto de presentación do anuario 2018 da Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos.

A Fundación destacou o esforzo de Touriñán para “levar a sociedade rural aos escenarios con naturalidade e cercanía”. Apuntaron tamén que “as personaxes de Touriñán son xentes normais cos que é quen de facer comedia dun xeito amable, e aínda que como lle acontece a todo humorista o seu traballo ademais de valorado é tamén criticado, a súa aposta amosa que non se autocensura, nin deixa indiferente a ninguén”.

No seu discurso ao recoller o premio, Touriñán agradeceu á Fundación que pensaran nel, e lembrou a súa orixen, unha aldea rural de Culleredo (A Coruña), onde naceu, e onde tamén vive na actualidade.

Xosé A. Touriñán non só aposta polo rural nas súas interpretacións como actor: tamén apoia aquelas iniciativas que loitan polo futuro deste medio. Unha boa mostra é a súa decisión de ser a imaxe publicitaria de Deleite, a marca que agrupa a gandeiros galegos e que destaca pola súa decidida aposta por un produto de calidade e que permita vivir nas mellores condicións posibles ao sector.