Producida por Atresmedia Studios, Medio Limón e Onza Entertainment, está protagonizada por Javier Veiga e Marta Hazas. Trátase dunha comedia romántica que emitirá Atresmedia nos próximos meses, logo de ser ofrecida ao completo por Amazon Prime Video.

Xosé A. Touriñán suma novos proxectos de ficción á súa traxectoria. Logo de ser un dos principais actores da exitosísima Fariña -Premio Ondas ás mellor ficción nacional segundo se anunciou esta semana-, o actor cullerdense grava nestas semanas en Madrid as últimas xornadas de Pequeñas coincidencias, unha comedia romántica que protagonizan Marta Hazas e Javier Veiga, e que será a primeira serie española da plataforma Amazon Prime Video.

Touriñán comparte reparto na serie con Juan Ibáñez, Mariano Peña, Alicia Rubio, Unax Ugalde, Tomás Pozzi ou Alosian Vivancos entre outros. Ródase en Madrid desde o pasado mes de setembro, e contará con oito capítulos de cincuenta minutos de duración.

Unha atípica comedia romántica

Marta inaugurou a súa propia boutique de vestidos de noiva. Javi é un crítico gastronómico recoñecido no seu campo. E os dous teñen moi poucas cousas en común. De feito, só unha: da noite á mañá pasan de preocuparse deles mesmos a sentir, de xeito moi repentino, o desexo de ter fillos.

O cerebro fará xogar malas pasadas aos protagonistas, que presenciarán de xeito imaxinario aos seus futuros fillos, xerando máis presión ao feito de ter que atopar á súa media laranxa. Diante deste acontecemento, Marta e Javi teñen unha cousa clara, atoparán á persoa perfecta para os seus fillos sexa como sexa. Aínda que só sexa para demostrarse a si mesmos que non están tolos.