Marcos Pereiro forma parte do reparto do novo proxecto de ficción de Voz Audiovisual, que este domingo estrea a Televisión de Galicia. Interpreta ao alcalde de Dorneda, o nome ficticio da vila mariñeira na que está ambientada a serie, dirixida por Óscar Pedraza.

Dorneda (Mugardos) é a vila na que está ambientada Viradeira, a nova serie de Voz Audiovisual

A disputa que colle polo medio a Roxelio (Marcos Pereiro) sae á luz cando os habitantes de Dorneda comezan a crer a historia do Augusta, un barco afundido nas súas augas en 1588, que agocha unha gran fortuna. Ata entón ninguén, salvo Manel, un veciño ao que tomaban por tolo, daba credibilidade á lenda. Dous expertos chegan á vila e comeza o conflito: en Dorneda pensan que, de haber un tesouro afundido, debe ser para o pobo.

Unha serie chea de aventuras, amor e moito humor

En Dorneda atópase Casa Carmela, un mesón onde capítulo a capítulo cociñaranse as mellores historias e por onde pasará Marcos Pereiro e moitos outros rostros coñecidos da televisión galega, como Sabela Arán, Adrián Castiñeiras, César Cambeiro, Fina Calleja e Patricia Vázquez, entre outros.

Marcos Pereiro amplía con Viradeira o seu amplo currículo televisivo en Galicia, desde o seu primeiro papel en Terra de Miranda, ata darlle vida a Kevin José en Era Visto! Nesta ocasión tócalle ser o alcalde dun pequeno pobo mariñeiro, pero unha vez máis en clave de comedia.

Viradeira chega á Televisión de Galicia este domingo, a partir das 22.20 horas.