Rematou 2018. Un ano no que en Ainé transitamos un camiño de ida e volta entre os teatros e os platós, entre as oficinas e as rodaxes, e que en cantidade e calidade de proxectos deixa o listón ben alto de cara ao 2019 que comeza.

Cúmprese agora un ano do mes de xaneiro de 2018, cando rematamos a xira de Dous homes e un vespino con Touriñán e Pepo Suevos nos teatros de Ferrol e Ourense. Tamén nesas semanas acompañamos a Manolo Lojo nas súas actuacións en Tomiño, A Coruña, Louro e Teixeiro. Estivemos con Oswaldo Digón en La Bañeza, e pasamos moitas, moitas horas, preparando o que viña por diante en febreiro.

Era a convención de ABANCA, para a que os amigos de Tex45 Producións quixeron contar co noso equipo. Un evento marabilloso con Javier Veiga e Marta Hazas no Coliseum da Coruña.

Como febreiro é sinómino de entroido, percorremos o país de festa en festa con Pepo Suevos e Touriñán: Negreira, Carballo, Arteixo, Vilanova de Arousa… Estivemos con Manolo Lojo en Melide e Ribadumia, e un novo espectáculo, A culpa é do sistema, deu os seus primeiros pasos en Lira.

Javier Veiga e Marta Hazas foron os protagonistas da Convención de ABANCA. | Foto: Jairo Iglesias

En marzo estivemos con Pepo en Vimianzo e Melide, e con Manolo Lojo en Pontedeume. E marzo foi o mes no que comezou a a coller forma o espectáculo que marcaría o noso ano. Os ensaios de Somos Criminais na Illa de Arousa deron paso á estrea o día 30, cun auditorio ateigado ata en tres ocasións, o prólogo do que durante meses teríamos a sorte de ver en tantos lugares do país.

Carlos Blanco e Touriñán encheron en todos os teatros con ‘Somos Criminais’. | Foto: Marcos Martínez

Chegou abril, e Vimianzo, Viveiro, Ferrol, Cangas e A Coruña -onde fixemos seis funcións-, iniciaron unha conta que aínda hoxe non rematou, que xa supera un dato máxico, o dos 50.000 espectadores.

En abril acompañamos a Eva Iglesias á festa da ostra de Arcade, a Marcos Pereiro ao Marineda City da Coruña, o espectáculo de Federico Pérez e Pepo Suevos, A culpa é do sistema, comezou xira en Ponteareas, e fixemos un oco para gravar cos compañeiros de Tex45 Producións un novo anuncio para ABANCA, unha nova historia da campaña Imposible sen ti.

Pero abril tivo máis protagonistas. Tres coleccionistas de arte e un músico. Marcos Pereiro, Santi Romay, Oswaldo Digón e Cristian Leggiero subieron aos escenarios cun orixinal espectáculo que entre abril e xuño percorreu aos teatros e auditorios da Illa de Arousa, Negreira, Ribadeo, Cee, A Coruña, Ponteareas, Melide, Verín, Lugo, O Carballiño e Vigo.

‘Coleccionistas’ foi o novo espectáculo de Marcos Pereiro, Santi Romay e Oswaldo Digón. | Foto: Xurxo Mariño

No mes de maio A culpa é do sistema chegou a Cee, Cambados, A Illa, Noia e O Carballiño. Con Somos Criminais estivemos en Vilagarcía, Lugo, Santiago e Vigo, con dúas, tres e ata catro funcións, cos teatros cheos en todas e cada unha delas.

Acompañamos Oswaldo no seu monólogo en Fene, e a Touriñán a unha interesantísima charla sobre adiccións en Ourense na que coñecemos a Antonio Rial e Manuel Isorna, con quen esperamos colaborar nun ilusionantísimo proxecto este ano. Tamén comezamos a percorrer Galicia cun proxecto de Tex45 Producións para ABANCA sobre deporte base, e tamén con Tex45 participamos na produción do Torneo do Deportivo en Abegondo, o 17 de maio.

E en maio comezou a coller forma o proxecto que nos ocuparía todos e cada un dos días do verán…

O 1 de xuño fomos con Fede á gala da Enxeñería de Telecomunicacións en Vigo. Ese mesmo día comezaba outro mes criminal con Touriñán e Carlos Blanco que nos levaría a Ourense, Pontevedra, Ponteareas, A Rúa, Burela e Narón. Estivemos con Pepo na festa do can de palleiro en Silleda, con Marcos Pereiro na Laracha e en Castro de Rei, no acto da ONCE en Galicia, no aniversario de Viña Costeira, na gala anual da Federación Galega de Fútbol, na presentación da cervexa de percebes de Estrella Galicia, e na presentación da orquestra La Oca, con Xosé A. Touriñán.

Organizamos con Tex45 a presentación da nova equipación do Deportivo, e o acto de aniversario do Liceo La Paz, na Coruña.

E comezou Malo será! O programa de Tex45 Producións para a Televisión de Galicia no que traballamos desde aquel 28 de xuño, cando estreamos en Vigo. Un proxecto de orixe canaria que nos permitiu traballar en produción televisiva durante todo o verán, e no que ademais participaron actores e actrices que son tamén amigos e amigas, por suposto, con Federico Pérez e Marcos Pereiro como grandes estrelas.

Marcos Pereiro e Federico Pérez foron dous dos grandes protagonistas de Malo será! | Foto: Marcos Martínez

Pasamos os meses de xullo e agosto nos ensaios de decenas de sketches, e levamos toda a caravana da televisión ata Verín, A Coruña, Noia, Vilalba, A Illa e Lugo.

No mes de xullo estivemos con Touriñán en Mondoñedo e Sada, con Fede en Amiudal, con Marcos Pereiro en Buo, Zas e A Guarda, e comezamos a traballar no Castelo Conta: un dos proxectos máis fermosos de entre todos nos que participamos nestes últimos anos.

O Castelo Conta encheu Castelo, a aldea de Xosé A. Touriñán, de comedia e tradición oral durante toda unha semana. Case oito mil persoas abarrotaron esta parroquia de culleredo do 20 ao 25 de agosto para gozar das actuacións de Xacarandaina, Elefante Elegante ou Xabier Díaz. Os nenos construiron o seu propio espectáculo. Os maiores falaron das historias de sempre. E na fin de semana a festa trasladouse á carpa máis grande montada nunca en Galicia, onde o venres case 3.000 persoas gozaron con Somos Criminais, e o sábado o cheo foi absoluto para un espectáculo de monólogos inédito con Touriñán, Marcos Pereiro, Pepo Suevos, David Amor, Eva Iglesias, David Perdomo, Quico Cadaval e Celso Sanmartín. Antes, todos eles percorreron as aldeas de Castelo nunha andaina na que participaron máis de oitocentas persoas, con contadas nalgúns puntos do camiño, nunha marabillosa tarde de verán.

O Castelo Conta encheu Castelo de actividades durante toda unha semana | Foto: Carla García

Pero agosto non foi só o Castelo Conta. Oswaldo e David Perdomo actuaron na festa do mexillón e o berberecho de Vilanova de Arousa, Fede deu o pregón das festas de Melide, Isi estivo na Arnoia, Marcos Pereiro en Leiro, e Pepo Suevos actuou en Pontecaldelas.

E chegou setembro. Comezamos a derradeira xira de Manolo Lojo, con actuacións en Ortigueira, Porto do Son, Bergondo, Santa Comba, Oroso e Camariñas. Levamos a Os Tristes a Mazaricos, a Marcos Pereiro a Carballo, e cando o mes remataba, comezaba a segunda xira de Somos Criminais, no Pazo da Cultura de Carballo.

En outubro os Zopilote déronnos a oportunidade de facer a produción da súa nova serie, Os Mariachi, que hai poucas semanas estreou a Televisión de Galicia. Pasamos un par de semanas entre O Ribeiro e Compostela gravando con Manquiña, Morris, Marita Martínez, Lucía Veiga, Fede, Marcos, Cristina Andrade ou Patricia Vázquez, rodeados dos que para nós son auténticas lendas do audiovisual 😉

Cristina Andrade, Andrés Mahía, Marcos Pereiro e Federico Pérez. | Foto: Os Mariachi

Con Somos Criminais estivemos en Vilagarcía, Noia, As Pontes e Negreira. Con Sergio Pazos en Cambados. Co propio Sergio e con Isi en Lalín. Con Marcos Pereiro en Arteixo. Con Carmen Méndez en Ordes. E con David Amor e Oswaldo estreamos un novo espectáculo para celebrar os vinte anos da compañía de telecomunicacións R. Entre outubro e decembro actuamos en Vigo, Lugo, Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Santiago de Compostela.

En novembro chegou de Tex45 Producións a a boa noticia da renovación de Malo será! Volveron os ensaios, comezou a funcionar de novo a marabillosa maquinaria que permite levar a televisión aos teatros, e volver dos teatros cun programa de televisión debaixo do brazo.

Mentres preparabamos todo acompañamos a David Perdomo a Teixeiro e a Marcos a Fene e Abegondo. Fede estivo no Val do Dubra. Levamos á Paty Lesta & The Hits a dous eventos de Sanitas, estivemos con Fede e con Carmen Méndez en Fene, e con David Amor nun evento de FINSA, en Madrid. Con Somos Criminais chegamos por segunda vez a Pontevedra, Ferrol e Lugo.

A finais de mes gravamos un novo anuncio de ABANCA cos amigos de Tex45 Producións, unha historia de Nadal e deporte dirixida por Andy Mahía coa música do gran Manu Riveiro, Lucía C. Pan na dirección fotografía e Suso Montero e Noela Gutiérrez na dirección de arte.

En decembro comezamos a segunda temporada de Malo será!, con programas en Ferrol, A Coruña e Vilalba. Estivemos con Manolo Lojo en Allariz, Cerceda e Val do Dubra, con Marcos Pereiro en Betanzos, con Fede no Rosal, con Pepo na Pobra e con Oswaldo na Coruña.

Estivemos nas estreas de Os Mariachi en Ourense, e de Pequeñas Coincidencias, o proxecto de Javier Veiga e Marta Hazas no que tamén participou Xosé A. Touriñán. Con Tex45 Producións organizamos ademais dous eventos para ABANCA con Leopoldo Abadía, na Coruña e en Vigo.

E en decembro, as funcións de Somos Criminais en Santiago e Vigo pecharon un ano fantástico que quixemos despedir hai un par de semanas, no Teatro Colón da Coruña, anunciando que o espectáculo de Touriñán e Carlos Blanco era xa o máis exitoso da historia do teatro en Galicia, co maior número de entradas vendidas, segundo datos da SGAE.

Touriñán e Carlos Blanco celebraron as 50.000 entradas de Somos Criminais. | Foto: Ainé Producións

Á pregunta de se o balance foi positivo a resposta é que aprendemos moito. Moitísimo.
Estamos seguras e seguros de que 2018 foi un auténtico máster para a xente de Ainé. Sabemos que esta é unha carreira de fondo que non se gaña nos primeiros metros. Queremos seguir sendo útiles: para a cultura e a lingua do noso país, para o noso audiovisual. E queremos seguir facendo as cousas dun xeito diferente.

Por todo isto estamos contentos. Ilusionadas e ilusionados.

Ás e aos que confiastes en nós no 2018, grazas. Ás e aos que traballastes en todos e cada un dos nosos proxectos ou formastes parte do noso equipo, grazas.

Carlos, Cris, Carla, Carlos, Inés, Pablo, Elisa, Miriam, Rubén, Manu, Javi e Álvaro desexámosvos un moi feliz 2019.