Touriñán presenta a programación dunha nova edición do Castelo Conta

  • Xosé Antonio Touriñán presentou a programación do festival que organiza polas festas do seu pobo, acompañado do Alcalde de Culleredo e o Vicepresidente da Deputación da Coruña.
  • Un espectáculo de monólogos cos mellores cómicos de Galicia, unha verbena cunha orquestra montada para a ocasión ou o concerto de Xabier Díaz, os pratos fortes de toda unha semana de actividades.
  • Durante a semana os máis pequenos e as veciñas e veciños serán os protagonistas con encontros e actuacións nas diferentes aldeas da parroquia.

 

O Castelo Conta está de volta. Máis de 5.000 persoas encherán o pobo de Xosé Antonio Touriñán -duns douscentos habitantes- durante toda unha semana, animados por unha das programacións culturais máis ambiciosas do verán en Galicia. Comedia, tradición oral e cultura rural son os eixos ao redor dos que xira un festival que chega á súa quinta edición -a segunda no seu actual formato dunha semana-, e que Touriñán presentou esta mañá acompañado de José Ramón Rioboo, Alcalde de Culleredo, e Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña.

En palabras de Touriñán, “recuperar todo o que sabe a xente maior, e aprendelo, é fundamental para entender moitas cousas, e é un dos obxectivos deste festival”. O actor cullerdense lembrou a importancia de que sexan os veciños os responsables de que sexa posible facer algo así. “É outra forma de facer a festa. Isto naceu porque se lle debían cartos aos das orquestras, e para pagarlles tivemos que reinventarnos e facer  algo  completamente  distinto”.  Touriñán apuntou tamén que o Castelo Conta é

un dos festivais de Galicia cunha maior porcentaxe de autofinanciamento (ao redor do 75%). “É a xente a que merca a súa entrada, valora o que facemos, e fai posible o Castelo Conta”.

O Alcalde de Culleredo salientou “o orgullo que supón para Culleredo acoller un festival coma o Castelo Conta”. Anunciou un maior apoio económico de cara á edición de 2020, e valorou moi positivamente non só o traballo que desenvolve a organización do festival no verán, senón tamén todas as actividades que ao longo do ano axudan a dinamizar a contorna do Monte Xalo.

Pola súa banda, o Vicepresidente da Deputación falou do valor que ten unha iniciativa así nun lugar pequeno, como Castelo, nunha contorna rural. “As cousas grandes fanse desde lugares pequenos, e non só para Castelo, para todos os que veñen de fóra, e para todos os galegos, que existan iniciativas destas características é un auténtico luxo, para a Deputación, unha honra poder apoialas”.

As entradas para as actividades do sábado están xa á venda a través da web do festival, www.casteloconta.gal, e en diferentes establecementos que tamén poden ser consultados na páxina e nas redes sociais do evento, que tamén inclúe toda a programación.

O festival, sen ánimo de lucro, conta con máis de 150 voluntarios para atender as máis de trinta actividades que teñen lugar ao longo de toda a semana. Máis do 80% dos veciños da parroquia de Castelo participan activamente no festival.

Artigo anterior
Carlos Blanco e Touriñán volven xuntos aos teatros con ‘Unha noite na praia’
Artigo seguinte
Carlos Blanco e Touriñán alongan o verán na praia

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán presenta a programación dunha nova edición do Castelo Conta